Posts Tagged ‘gallega’

Publicidade en Cabozo como parte do acordo de colaboración para o novo deseño da web

Lunes, noviembre 7th, 2011

(Lectores no gallegos pinchad aquí)

Publicidade en Cabozo como parte do acordo de colaboración para o novo deseño da web

Como parte do acordo de colaboración alcanzado coa empresa lucense mtic! para o desenvolvemento do novo deseño de Cabozo a partir de agora veredes publicidade en galego e español, en forma de banner, de dúas das empresas do devandito grupo (mtic! e Dioptra)

Publicidade en Cabozo como parte do acordo de colaboración para o novo deseño da web

Esta publicidade será visible baixo as opcións da caixa ou columna da dereita. Cremos que é o mellor lugar para que a devandita publicidade non resulte invasora nin molesta para os usuari@s de Cabozo.

Saúdos! ;)

Como deixar de ser a muller ou o home invisible en Cabozo :) e empezar a relacionarte e a seguir outros usuari@s

Jueves, octubre 27th, 2011

(Lectores no gallegos pinchad aquí)

Rexistrado nesta espectacular rede social, si xa sei que son un ‘fanboy’ pero que queres? :D verás como despois de facilitar só unha conta de correo, xa podes empezar a explorar e a usar todos os servizos que ofrece Cabozo sen ter que ‘pasar por caixa’.

En Cabozo non 'pagas' os servizos que se che ofrecen cos teus datos persoaisCando falo de ‘pasar por caixa’ refírome a que aquí, ao contrario do que sucede noutras redes sociais, non precisas ‘pagar’ con información os servizos que che imos ofrecer e polo tanto non necesitas encher cos teus datos persoais ningún formulario con campos obrigatorios para poder empezar a usar esta rede social…

Configuración

Aínda así, unha vez investigues ata o último canto da web, pero que buscarás alma de deus? :) non sexas merluz@ :D e antes de empezar a interactuar co resto de usuarios pasa pola opción “Configuración” para polo menos cambiar o logo por defecto de Cabozo pola túa imaxe de usuari@.

Se non vas usar nada Cabozo dáte de baixa. Non deixes a conta abandonada

Se pola contra, despois desa primeira ollada, non tes pensado seguir usando esta rede social, ti o perdes pequeno saltamontes ou… saltaredes, non? :D non deixes abandonada a túa conta. Vai ás opcións de “configuración” e dáte de baixa. Cabozo segue sendo o mesmo cun rexistro máis ou cun menos e ti non seguirás danando a túa reputación online deixando abandonada unha conta máis… Iso si, se ousas deixar tirada a túa conta nalgunha das rúas cabozeiras :P atente ás consecuencias forasteiro, e xa te preavisamos, temos un dos mellores servizos grúa do momento e probablemente a mellor xestión de poxas do mundo. Avisado quedas…

Quedas avisado! :P :DDito isto, pasemos a ver como podemos facer para que o resto de usuarios de Cabozo saiban que “xa estás aquí” :) Antes de nada, fai o seguinte:

PRIMEIRO:

Perfil dun cabozeiro

Recorda pasar por “configuración e cambiar a imaxe de usuario. Se ademais engades algún dato máis ao teu perfil como unha pequena descrición (bio), o teu lugar de residencia ou algún dos teus gustos musicais por poñer un exemplo, a túa conta resultará máis atractiva para o resto de usuarios. Aquí tes todo o que podes configurar e recorda, non é obrigatorio cubrir ningún campo e ti decidirás en todo momento que é o que queres compartir e o que non. Agora ben, se es de Burela e queres que a xente che encontre polo teu lugar de residencia pero non o indicas… Cabozo non fai milagres, eh! :P

SEGUNDO:

Contido audiovisual nun taboleiro

Sobe algún contido ao teu muro (pestana “meu taboleiro“). Se queremos darnos a coñecer e captar a atención doutros usuarios será mellor ofrecerlles algo antes de que entren ao noso Taboleiro e o vexan tristeiro :( e baleiro, non? :) Ademais, se resulta interesante pode que outros usuari@s con máis seguidores cópieno ao seu Taboleiro e axude a darte a coñecer na rede. O que? Iso xa é cousa túa amigo… Recorremos outra vez á música? :) Quizais compartir un vídeo de YouTube con algunha das nosas cancións favoritas sexa unha forma amena de empezar… Agora ben, se xa tes moi claro que en Cabozo queres relacionarte principalmente con expertos en física cuántica quizais sexa mellor que subas un vídeo, foto ou noticia sobre os tan de actualidade neutrinos :D por poñer un exemplo… Captas a mensaxe? :D

Ben, feito isto xa podemos dicir que estás asead@ e presentable :D para empezar a interactuar co resto de usuarios cabozeir@s. Por fin! :D ¬¬

Segue agora estes 8 pasos e nunca máis te sentirás invisible en Cabozo. Imos alá! :)

Usuarios dando a benvida a outro en Cabozo

1.- Mira se alguén che deixou algunha mensaxe de benvida no teu muro (xa sabes, pestana “meu Taboleiro“) e se é así, respóndelle. Pica directamente sobre o texto das súas mensaxes e a túa resposta aparecerá publicada no mesmo fío. Xa postos, podemos picar sobre os seus nomes ou imaxes de usuarios para acceder aos seus Taboleiros (muros) e ver os seus contidos. Quizais poidamos deixar algún comentario e sobre todo non se che esqueza seguir o usuario se che resultou interesante. Para iso só tes que picar sobre a opción “seguir usuario

Aquí verás os usuarios que te seguen

2.- Comproba se algún usuario xa te segue a ti. Veralo ou ben na pestanaLox(onde irás recibindo distintos avisos automáticos) ou nas opcións da columna da dereita onde verásSeguido por (x)” Se entre paréntese aparece algún número ese será o número de seguidores que tes. Se tes algún seguidor pica sobre o devandito indicador e verás como se despregan os seus nicks ou nomes de usuario. Recomendo que tamén os sigas ti. Xa sabes, picas sobre os seus nomes e xa dentro dos seus Taboleiros en “seguir usuario

Botón para seguir outros usuari@s

Nesta fase de facernos visibles e darnos a coñecer, ti non te cortes á hora de seguir aqueles usuari@s cos que te vaias cruzando polo camiño. Co tempo, e a medida que vaias coñecendo máis xente, xa chegará o momento de filtrar e seguir só a aqueles que realmente che interesen. Agora o que nos interesa é que saiban que xa estamos aquí e ver “vida” na web ;)

3.- Segue as contas de Deckarz e LegnaLof, os dous ‘capos‘ de Cabozo :P Aínda que adoitan andar todo o día por aí de sarao en sarao con Mark Zuckerberg e compañía juju :D (mira que rachan do Facebook pero ao final…) é o que ten compartir ser mozos e ricos :D ¬¬ xa sabedes, deus críaos e eles… O caso é que ninguén mellor ca eles coñece Cabozo e nalgún momento entre festa e festa :D pode que vos boten unha man e axúdenvos a sacarvos dalgún aperto cabozeiro. Se por agora non te cruzaches con eles podes buscalos no buscador de Cabozo que atoparás na opción “usuari@s de cabozo/búsquedas“. Escribe os seus nomes de usuario (individualmente) e dalle a “enviar“. Accederás aos seus Taboleiros e dende aí pódelos seguir. Tamén recomendo seguir outras contas de Cabozo como AchegasCabozo ou Xeolocaboza.

Ranking de usuari@s máis activos en Cabozo

4.- Segue os usuari@s máis activos de Cabozo. É recomendable, sobre todo ao principio, seguir os usuarios máis activos da web. A forma máis doada de facelo é, de novo, dende a opción “Usuari@s de Cabozo/Búsquedas” onde ao acceder veremos un Ranking de usuarios por Karma (indicador do nivel de actividade dun usuario en Cabozo). Picando sobre os seus nomes accedemos aos seus Taboleiros e dende aí poderémolos seguir como sempre en “seguir usuario“.

Buscador de usuarios por nick, nome real ou localidade

5.- Segue os usuari@s da túa vila, cidade, provincia… ou dunha determinada localidade. Outra vez enUsuari@s de Cabozo/Buscas“, no buscador que comentei antes, marcando agora previamente a opción “cidade“, escribe o nome da localidade a buscar, por exemplo Viveiro e dalle aenviar“. Aparecerán todos os usuarios que facilitaron ese dato na configuración da súa conta. Picando sobre as súas imaxes de usuario accedes tamén aos seus Taboleiros. Unha vez aí, xa sabes como seguilos.

Xa hai máis de 120 grupos/foros públicos de diferentes temáticas en Cabozo

6.- Non deixes de pasar por algúns dos xa máis de 120 grupos públicos existentes en Cabozo. Participa nestes grupos achegando contidos, comentando, etc. Hai grupos de diferentes temáticas: noticias, deportes, fotografía, coches, música, vídeos, sexo (hai máis grupos, eh! A ver se agora vas pasar aquí todo o tempo :D ) cine, saúde, comida, curiosidades, mascotas, ecoloxía, viaxes, motos, tecnoloxía, redes sociais, praias, vídeos, etc. Únete aos que che parezan máis interesantes e poderás coñecer xente cos mesmos intereses ca ti.

"Arredor", o novo servizo de xeolocalización de Cabozo

7.- Sácalle partido a “Arredor“, o novo servizo de xeolocalización que estreamos no renovado Cabozo. Como? :) Moi doado! Busca ou, se non a hai, crea a marca dese local, esa praia, restaurante, negocio, etc. que tanto che gusta e coñece xente coas mesmas preferencias ca ti de entre os que vaian comentando esas marcas (localizacións de puntos de interese creados polos propios usuarios)

Cabozadas

8.- Pasa sempre que poidas polasCabozadas. Deixei as Cabozadas para o final por ser un dos sinais de identidade de Cabozo e pola súa importancia no funcionamento global desta rede social.

As Cabozadas é algo que non teñen nin Twitter, nin Tuenti, nin Facebook, nin Google+Podemos dicir que é o grande escaparate de Cabozo ou ese gran patio de veciños que toda comunidade ten. O nexo de unión de todos os usuarios cabozeiros. O que non pasase polo menos unha vez polas Cabozadas non é ninguén en Cabozo :)

A principal característica desta ferramenta é que aquí poderás coincidir e dialogar, mediante mensaxes curtas de non máis de 140 carácteres, con calquera usuario rexistrado en Cabozo, sígalo ou non, sígate ou non. E ademais todo o que aquí escribas ou enlaces pode ser visto por calquera outro usuario rexistrado en Cabozo.

Se analizas ben o que acabo de comentar verás o enorme partido que se lle pode sacar a esta opción de Cabozo facendo un uso intelixente da devandita ferramenta.

22 imaxes case definitivas do que en breve será o novo deseño de Cabozo

Jueves, julio 21st, 2011

O futuro deseño de Cabozo está cada día máis preto… e hoxe xa vos podemos adiantar 22 imaxes, case definitivas, do que será o próximo Cabozo :D Cabozo plus? :P :D

Empezamos pola nova portada. Dende ela poderemos acceder, entre outras cousas, ao Tabomobil a versión para smartphones de Cabozo e calquera persoa, sexa usuari@ rexistrado ou non, poderá facer uso de Arredor, o novo servizo de xeolocalización de Cabozo:

Próxima portada de Cabozo

Dende a portada tamén poderemos acceder ás condicións de uso da web. Por certo, alguén as le? :)

Condicións de uso de Cabozo

Este será o novo aspecto do noso Taboleiro (algo parecido ao que coñecedes como “Muro” ou “TL” noutras redes sociais):

3meutaboleiro

Detalle da columna das opcións. Picando sobre a icona que aparece á dereita dos usuarios que seguimos poderemos iniciar un chat privado con eles. Nas iconas dos usuarios que nos seguen podemos marcar usuarios como favoritos (para permitir posteriormente o seu acceso aos nosos álbums privados) ou bloquear usuarios para que non reciban os avisos automáticos das nosas actualizacións: :)

Detalle da columna das opcións

Así veremos agora a pantalla para enviar mensaxes aos taboleiros:

Pantalla para escribir mensaxes aos taboleiros

Pestana das Cabozadas, microblogging de 140 carácteres para falar en tempo real con calquera dos usuarios de Cabozo sígalos ou non. O punto de encontro de todos os Cabozeir@s: :D

Cabozadas

Pestana Lox, avisos automáticos das actualizacións dos usuarios que seguimos:

Lox, avisos automáticos de actualizacións

Así veremos dunha ollada os vídeos YouTube adxuntos ás mensaxes dos taboleiros dun usuario:

Vídeos YouTube adxuntos as mensaxes dos taboleiros

Arredor, novo servizo de xeolocalización de Cabozo. Así o veremos os usuarios rexistrados accedendo dende o noso taboleiro:

Arredor, novo servizo de xeolocalización de Cabozo

Só os usuarios rexistrados poderemos crear novas marcas (negocios, praias, noticias, lugares de interese, etc.) que logo calquera persoa poderá ver dende a portada de Cabozo. Estas marcas só poderán ser comentadas por usuarios rexistrados:

Crea novas marcas (negocios, praias, puntos de interese, novas, etc.)

Se accedemos a eles, así veremos agora os perfís dos usuarios:

Perfís usuari@s

Novo aspecto da pantalla das videochamadas. Similar aspecto terán as canles de Tv daqueles usuarios que os teñan activos:

Videochamadas e Canles de Tv

Álbums persoais:

Álbums persoais

Foto de álbum persoal:

Foto de álbum persoal

Pantalla de administración de álbums persoais. Dende aquí podemos crealos, marcalos como públicos ou privados, seleccionar a quen damos acceso para velos ou eliminalos:

Pantalla de administración de álbums persoais

Nova pantalla de seguimentos. Aquí veremos cando entran ou saen de Cabozo aqueles usuarios que seguimos:

Seguimentos

Así veremos os taboleiros doutros usuarios. Picando sobre o seu nome ou imaxe en calquera parte da web ou cando accedemos a eles dende o buscador (por nome, nick ou cidade):

Taboleiros doutros usuari@s

Meus Grupos. Calquera usuario pode crear dende hai anos en Cabozo grupos públicos ou privados se só quere compartir contidos coa xente que invite ao devandito grupo. Vamos, a supernovidade de Google plus pero sen os seus circuliños: :D

Meus grupos

Esta será a nova pantalla para unirse a grupos. Se son públicos só será necesario picar sobre o nome do grupo e se son privados ao picar sobre o nome do grupo o seu creador recibirá unha petición de unión que poderá aceptar ou non: :)

Unirse a grupos

Pantalla de configuración dos grupos dos que sexamos administradores. Aquí marcaremos o grupo como público ou privado, se permitimos subir imaxes ou non, se permitimos poder compartir álbums ou non, se se poden engadir eventos, recibir solicitudes de unión, etc.:

Configuración dos grupos propios

Pantalla de eventos de grupos, onde poderemos crear eventos dentro dun grupo determinado:

Eventos de grupos

Reproductor de vídeos. Facilita o visionado de todos os vídeos YouTube adxuntos ás mensaxes dos distintos grupos dos que somos membros:

Reproductor vídeos

O Modo Playlist permite reproducir de forma automática as listas de vídeos dun determinado grupo do que somos membro. Podemos por exemplo crear un grupo privado ou público coa nosa música favorita e logo reproducila deste modo:

Modo Playlist do reproductor de vídeos

E isto só é unha parte de todas as posibilidades que ofrece Cabozo, a rede social alternativa “made in Galicia“. Aquí podedes ler as opinións dalgúns usuari@s. E ben… que vos parece entón o novo deseño? :D

Seguimos traballando no novo deseño de Cabozo xunto á empresa lucense m-tic!

Martes, julio 5th, 2011

benvidafb

Pouco a pouco, o novo aspecto de Cabozo, máis atractivo e profesional, vai cobrando vida grazas á colaboración coa empresa lucense m-tic!

Comparativa entre o futuro e o actual deseño de Cabozo

Na imaxe superior podedes ver unha comparación entre o futuro e o actual aspecto da web, a falta dalgunha pincelada. Aquí deixámosvos algunhas capturas do que será o futuro aspecto da web.

Saúdos! ;)

Novo logo de Cabozo

Concellos da Costa da Morte crean unha guía para difundir o uso do galego na Rede

Domingo, mayo 15th, 2011

Os meus favoritos. Guía de enderezos de internet

Os concellos de Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas, a través dos seus servizos de normalización lingüística, acaban de editar a guía Os meus favoritos, un catálogo que recolle preto de 200 enderezos de sitios web en galego de ámbitos tan diversos como a banda deseñada, o deporte, o audiovisual, a información cultural, a mocidade, as redes sociais, os xogos, etc.

De Os meus favoritos editáronse entre os catro concellos 8.000 exemplares en papel, que serán distribuídos nos centros de ensino, edificios públicos, aulas de informática, asociacións, etc. Ademais, todas as persoas interesadas poden solicitalo no Servizo de Normalización Lingüística (SNL) dos catro concellos que impulsan a iniciativa. Ademais, a guía tamén se difundirá en formato dixital a través de webs e correo electrónico.

Os obxectivos desta iniciativa son facilitar o descubrimento e o coñecemento do ciberespazo en galego, vencellar a lingua galega con novos e modernos espazos de uso, concretamente na rede e nas novas tecnoloxías, e contribuír á difusión da información de todo tipo na nosa lingua.

Cabozo é unha das webs que aparecen na guía

Agradecemos aos impulsores desta iniciativa que incluísen a Cabozo na guía ;)

Entrevistamos a Lambereteira e Breogahn, os usuari@s cabozeiros do momento.

Jueves, mayo 5th, 2011

Fiestra e TTV foron os anteriores usuari@s destacados

Por primeira vez dende que incorporamos esta sección a Cabozo, adiantamos no noso blog as entrevistas aos “Usuari@s destacados”. Estas entrevistas que vimos realizando dende hai tempo, sen unha periodicidade fixa, serán publicadas a partir de agora tamén por aquí.

Esperamos que vos resulten interesantes e que sirvan para dar a coñecer un pouquiño máis este proxecto.

Inauguramos esta sección no blog coas entrevistas a Lambereteira e Breogahn que collen o relevo de Fiestra e TTV. Aí van: :D

Taboleiro público de Lambereteira en Cabozo

ENTREVISTA A LAMBERETEIRA:

1.- Ola Lambereteira! Que tal? Filóloga, de Sarandón, amante da natureza… Como chegas ata Cabozo?
Teño desde hai algo máis de tempo que a miña conta en cabozo (non moito máis) unha conta en Facebook (coma case todo quisque, jeje) e teño agregadas varias publicacións en galego. Nunha delas, agora non recordo ben cal, entrei e había unha nova sobre Cabozo, describíndoo como rede social galega. Entón dixen, xenial! hai que participar aquí. E así foi como abrín a miña conta.

2.- Cal foi a túa primeira opinión da web?
Pois pareceume un pouco diferente do Face, por suposto, sobre todo a posibilidade de entrar en contacto con outros usuarios por medio das Cabozadas, que me pareceu fantástico. Aí foi onde me sentín xa moi a gusto desde o primeiro día, pola boa acollida. E, como teño dito algunha vez máis, o ambiente sinxelo, familiar, agradable, da xente que está en Cabozo, foi o que máis me gustou desde un principio. As posibilidades de interactuar con outros usuarios parécenme máis amplas que noutras redes.

3.- Por que o teu nome de usuaria?
Pois a verdade, non sei moi ben. Pensei algo, por suposto, en galego. E ó mellor que tivera que ver un pouco co meu carácter tímido e extrovertido a un tempo :) jeje. E tampouco quería un apodo que fose exactamente o meu nome, iso resultábame máis aburrido. Eu que che sei, aquel día tiña un día simpático, jajaja.

4.- Hai algo que che achegue esta rede social que non poidas atopar en redes como Twitter ou Facebook?
Pois, como dicía antes, a posibilidade de conversar directamente, abertamente, con xente nas Cabozadas, sen que nos coñezamos de nada a maior parte das veces. Eu non tiña coñecidos na rede e axiña me sentín a gusto. O intercambio de opinións sobre diversos temas é moi fluído e moitas veces moi divertido e satisfactorio. E pouco a pouco, teño que dicir, pois vas tamén facendo bos amigos/as. É coma estar no bar parolando cos veciños. Iso non o hai no Face, que eu saiba. E ademais podes acceder a información actual ou interesante por medio dos demais usuarios e das posibilidades da propia rede. Os grupos tamén son unha opción moi interesante para intercambio de opinións, ideas, gustos, etc. Diría que, dentro do tamaño da rede, a comunicación é á vez de ti a ti e ó mesmo tempo global. Iso tampouco o atopei no Twitter. Penso que cada unha destas redes ten filosofías e finalidades diferentes. Tamén creo que é moi salientable a posibilidade de interactuar cos creadores/xestores da rede, de forma que Cabozo se vai construíndo e transformando pouco a pouco tamén contando cos usuarios. Esta rede está viva!!

5.- Que opción de Cabozo é a que máis che gusta?
Creo que é evidente que as Cabozadas, non? jeje

6.- Botas algo de menos no actual Cabozo?
Pois a verdade é que non levo demasiado tempo. Dos cambios que houbo ata agora, desde que eu son usuaria, quizais o máis salientable foi que non se poida agora abrir unha conta sen ser convidado. E polo demais, aínda non lle saquei á rede todo o proveito que podería, por desgraza, por falta de tempo.

7.- Como recomendarías esta rede social a unha persoa que non coñecese esta web?
Pois falándolle da miña experiencia positiva e de todas as facilidades que ofrece esta web que eu non lle atopo a outras redes. Creo ademais que o feito de que a rede sexa galega debería ser un plus para todos os que vivimos en Galicia, xa que é algo “noso”, independentemente de que a súa lingua de comunicación habitual sexa o galego ou non.

8.- Entenderías que Cabozo tivese que deixar de ser unha web exclusivamente galega para poder subsistir?
As redes sociais tenden a expandirse. Eu non creo que sexa incompatible que este proxecto sexa á vez galego e internacional, mentres se manteña nos seus principios. O que si non me gustaría é que o proxecto deixe de ser galego no sentido de que a forma de ser de Cabozo e a súa lingua principal de comunicación deixe de ser “galego/a”.

9.- Se de ti dependese, que medida ou medidas adoptarías para que a sociedade galega apostase aínda máis por esta rede social?
Por desgraza creo que non hai unha fórmula para conseguir iso. Seguramente unha maior publicidade, unha proxección máis externa, e con iso refírome a estar máis presentes noutras webs, e o boca a boca dos usuari@s.

10.- Gustaríache comentarnos algo máis?
Que todos sigamos con moito ánimo e apostando por algo que é xenuino e que aínda ten moito, moito que aportar!!

Taboleiro público de Breogahn en Cabozo

ENTREVISTA A BREOGAHN:

1.- Ola Breogahn! Como vai? De Queiruga, lobo de mar, fumador empedernido, deportivista confeso, amante dos praceres da vida e sobre todo, jolfo pechabares! Como chega un jolfo pechabares ata Cabozo? Agora mesmo non lembro moi ben pero coido que foi nun deses días que ando de julle-julle pola rede. Non sei se foi nunha web, lendo unha noticia ou unha entrada nun blogue. Non sei se é que me está a empeza-lo alzheimer ou é producto de saír tanto de festa :D O caso é que por moitas voltas que lle dea ó tarro non consigo lembrarme :S

2.- Cal foi a túa primeira opinión da web? De principio cando entrei e vin o faladoiro grupal (Cabozadas) dixen eu “MIMÁ, LLOU!!! Se xa falando cunha persoa as veces é un caos, con tod@s debe ser unha auténtica bacanal! Non vou tardar en escarallarme vivo:D Foi todo ó contrario e a verdade que é moi gratificante atopar e trocar diferentes ideas. Nunha palabra: pluralidade.

3.- Por que o teu nome de usuario? Antes non paraba de troca-lo meu nick, e un día, estaba a ler sobre a lenda de Breogán, o rei celta que temos no noso himno, que ten unha estátua preto da torre de Hércules e que resulta que temos en común cos irlandeses. Eles escríbenno “Breogahn” (creo que en gaélico), así que adoitei coller esa forma de escribilo xa que non é usual atopálo escrito deste xeito.

4.- Hai algo que che achegue esta rede social que non poidas atopar en redes como Twitter ou Facebook? A verdade é que sí. En dúas palabras: proximidade e familiaridade.

5.- Que opción de Cabozo é a que máis che gusta? Agora mesmo, os derradeiros trocos que houbo. Tanto o Tabomóbil para Android como a Xeolocalización e a posibilidade de subir fotos xelolocalizando éstas últimas.

6.- Botas algo de menos no actual Cabozo? Só unha cousa. A posibilidade de falar con alguen en particular sen ter a necesidade de mandarlle un privado.

7.- Como recomendarías esta rede social a unha persoa que non coñecese esta web? Vaia prejunta tes, meu rei!… Diríalle que os datos dos usuari@s só lles pertencen a eles (non coma noutras redes sociais); que é unha rede social “jalleja de pura sepa“, unha mestura de Facebook e Twitter e que probe que ha de gustarlle (mentes pervertidas xa vos estou vendo!).

8.- Entenderías que Cabozo tivese que deixar de ser unha web exclusivamente galega para poder subsistir? Por suposto que o entendería. Un blog ou unha web poden ser, de principio, unha forma que ten o titular do mesmo de pasa-lo tempo. Se ten moitas visitas, pódese un plantexar a posibilidade de ser un complemento ó salario, ou como moito, vivir diso. Unha rede social é unha empresa. Se as cousas funcionan ben, mellor para os usuarios, os empregados da mesma e por suposto, a empresa.
Dende que cheguei a Cabozo, non parou de medrar. Se para que Cabozo teña que expandirse e con iso significa “ser un pouco menos galego” sen ter que renunciar a súa identidade e filosofía (e po-lo tanto que vaian as cousas vento en popa) particularmente opino que Cabozo ten o deber de facer ese “sacrificio“. Se un pon cartos do seu peto para aguantar ou ten pérdidas, é mellor pecha-la porta e tan amigos coma sempre.

9.- Se de ti dependese, que medida ou medidas adoptarías para que a sociedade galega apostase aínda máis por esta rede social? Cando un estadounidense ten un proxecto que se ve que vai furular o resto da xente dille: “Oh, que boa idea! Cara adiante, neno“. Se non e tan boa a resposta e semellante a: “Imos alá! Veremos que pasa“.
En Galicia temos tal complexo de inferioridade que non é normal. Non me extrana que nos invadisen os romanos. Valoramos máis o de fóra co noso. Temos empresas que son pioneiras ou o foron nos seus respectivos sectores (Pescanova, Frinsa, Jealsa-Rianxeira, Rodman, Navantía, Blusens ou Inditex por poñer uns exemplos). Temos exactamente o mesmo cos de fóra así que xa é hora de que nos poñamos as pilas dunha vez e deixemos nun currucho ese complexo tan absurdo.
A todo isto, estoume a lembrar de dous rapaces cataláns que idearan un sistema para deixar arquivos na rede para así non estar obrigados a ter que telos aloxados no ordenador. Os seus achegados dixéronlles que se deixaran de parvadas e que seguisen estudiando. Un tempo despois, Google, Apple & cia lanzaron unha cousa chamada “cloud computing (computación na rede) na que un podía deixar os seus arquivos na rede.

10.- Gustaríache comentarnos algo máis? Sí. Canto dixeches que me ías pajar pola entrevista, ho? :P Acéptase tamén pagos en forma de barrís de cervexas, ron, whisky e semellantes ou aljún que outro xabarín para papar ;) :D :D

Cabozo invitado a participar nas II Xornadas da Mocidade Galega

Jueves, marzo 31st, 2011

internet

Ánxel Folgueira participará, en representación de Cabozo.com, na mesa redonda “Atrapad@ na rede?” onde tratará de dar o seu punto de vista sobre a base da súa experiencia no desenvolvemento da rede social galega. Xunto a el intervirán Pablo Belay e María Yañez representando Chuza e A Navalla Suíza respectivamente.

A intervención terá lugar o próximo mércores 13 de abril na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela, con motivo da celebración das II Xornadas da Mocidade Galega que se celebrará entre os días 12 e 14 de abril en Compostela e os días 29 e 30 do mesmo mes en Castrelo de Miño.

Debate sobre o galego nas TIC

Jueves, marzo 24th, 2011

Interesante* faladoiro sobre o galego nas TIC en Correo TV

Tedes máis información sobre os tertulianos en Código Cero

*Non estaba de máis fronte ao “descoñecido” Facebook algunha pequena mención as “archichoñecidas” mundialmente :D alternativas galegas, entre elas Cabozo, web redactada integramente en galego…

Xa podes difundir o contido do teu Taboleiro fóra de Cabozo! Como os TL de Twitter ou as páxinas de fans de Facebook agora podes “abrir o exterior” unha versión limitada do teu Taboleiro

Viernes, marzo 4th, 2011

Como moitos de vós xa sabedes unha das peculiaridades de Cabozo é que os Taboleiros (muros) dos usuari@s son sempre públicos. Iso facilita coñecer os seus contidos e polo tanto a elección de que usuarios seguir en función dos nosos intereses. Recordade que só recibimos avisos automáticos das actualizacións dos usuarios que seguimos (Lox).

Por iso adoitamos dicir que Cabozo é unha rede social con posibilidades similares as de Facebook pero cunha filosofía de uso máis próxima a Twitter (non seguimos só colegas, tamén a quen xere contidos que nos resulten de interese)

lambereteira

Agora quixemos ir un paso máis alá e facilitar a visualización dos contidos dos Taboleiros (nunha versión limitada) tamén dende o exterior.

Polo tanto, calquera persoa, rexistrada ou non en Cabozo, poderá ver o noso Taboleiro sen necesidade de conectarse a Cabozo e dende el poderá acceder ao daqueles usuarios que nos sigan e ao dos que sigamos. Para iso deberá coñecer o noso nome de usuario (tal cal, distínguese entre maiúsculas e minúsculas) ou terlle facilitado previamente o enlace de acceso que será sempre do tipo:

- ht tp://cabozo.com/user/nomedeusuari@

ou

- ht tp://www.cabozo.com/user/nomedeusuari@

Aclarar que a versión do Taboleiro á que se pode acceder dende o exterior de Cabozo é unha versión limitada e polo tanto varias das súas opcións están desactivadas. Se picamos sobre elas redirixirannos á pantalla de inicio. Só poderemos gozar de todas as posibilidades da web se somos usuarios rexistrados.

Que podemos ver SEN estar rexistrado en Cabozo (ou sen conectarnos á web)?

- Ver o número de visitas que ten un Taboleiro
- Podemos ver a canle de Tv do usuario e a súa emisión se é en “aberto”
- Podemos ver as mensaxes e os vídeos, fotos e enlaces adxuntos a estes
- Compartir contidos en Twitter, Facebook ou Chuza
- Subscribirnos aos RSS dos Taboleiros d@s usuari@s
- Ver o perfil dos usuarios
- Ver os usuarios aos que seguen e polos que son seguidos
- Ver os grupos públicos de Cabozo aos que pertence
- Poderemos ver as mensaxes de Twitter dos usuarios se teñen a conta activa en Cabozo

legnalof

Entre as opcións deshabilitadas están as seguintes:

- Non podemos facer comentarios nin deixar ningunha mensaxe nova
- Non podemos facer uso das iconas para ver dunha ollada todos os vídeos ou fotos adxuntos ás mensaxes dese Taboleiro
- Non podemos ver os álbums de fotos dos usuari@s (nin aínda que sexan públicos)
- Por suposto non poderemos acceder nin as Cabozadas (“microbloggin” e punto de encontro de todos os usuarios cabozeiros), nin á sección Novas, nin a Lox, nin acceder aos grupos, nin facer uso dos chats, nin das videoconferencias, nin acceder a xogos…

videoconf

Con isto preténdese dotar a Cabozo de novas posibilidades de uso, dar a coñecer un pouco máis as posibilidades reais da web, lograr unha maior difusión e facilitar aos usuari@s compartir os seus contidos.

axustes

Por último aclarar que esta opción está activada por defecto. Se algún usuario non quere que se poida acceder ao seu Taboleiro dende fóra de Cabozo poderá desactivar a opción nos seus “Axustes” de usuario.

Algunha vez parástesvos a ler as condicións de uso de Cabozo? :-)

Jueves, marzo 3rd, 2011

condicionsusocabozo2

Gustaríanos que os usuarios de Cabozo tivésedes claras as condicións de uso da web especialmente estes apartados:

nº7.- Todos os contidos subidos polos usuarios a Cabozo.com seguirán sendo exclusivamente da súa propiedade e ademais poderán eliminalos sempre e cando queiran.

nº8.- Os usuarios rexistrados en Cabozo.com poderán darse de baixa da web, por eles mesmos, en calquera momento.

nº9.- Cabozo.com non esixe aos seus usuarios ningún dato persoal para o rexistro, uso ou desfrute da web. Só é necesario unha conta de correo electrónico que unicamente será utilizada para facilitar aos usuarios o seu contrasinal en caso de esquecemento ou para poder recibir avisos das actualizacións daqueles usuarios que sigan na web e que poderán ser desactivados nos axustes de usuario. Esta información será de uso interno exclusivamente e nunca será transferida a unha terceira parte. O titular de Cabozo.com resérvase o dereito a anular unha conta de usuario en caso de suplantación de identidade.

Como vedes Cabozo ten entre as súas condicións de uso algúns puntos que non adoitan ser habituais nas redes sociais máis coñecidas e que unha vez máis fan desta rede un sitio orixinal, único e diferente ;)