Entrevistamos a Lambereteira e Breogahn, os usuari@s cabozeiros do momento.
Jueves, mayo 5th, 2011
Por primeira vez dende que incorporamos esta sección a Cabozo, adiantamos no noso blog as entrevistas aos “Usuari@s destacados”. Estas entrevistas que vimos realizando dende hai tempo, sen unha periodicidade fixa, serán publicadas a partir de agora tamén por aquí.
Esperamos que vos resulten interesantes e que sirvan para dar a coñecer un pouquiño máis este proxecto.
Inauguramos esta sección no blog coas entrevistas a Lambereteira e Breogahn que collen o relevo de Fiestra e TTV. Aí van: 
 
ENTREVISTA A LAMBERETEIRA:
1.- Ola Lambereteira! 
 Que tal? Filóloga, de Sarandón, amante da natureza… Como chegas ata Cabozo?
Teño desde hai algo máis de tempo que a miña conta en cabozo (non moito  máis) unha conta en Facebook (coma case todo quisque, jeje) e teño  agregadas varias publicacións en galego. Nunha delas, agora non recordo  ben cal, entrei e había unha nova sobre Cabozo, describíndoo como rede  social galega. Entón dixen, xenial! hai que participar aquí. E así foi  como abrín a miña conta.
2.- Cal foi a túa  primeira opinión da web?
Pois pareceume un pouco diferente do Face, por suposto, sobre todo a  posibilidade de entrar en contacto con outros usuarios por medio das Cabozadas, que me pareceu fantástico.  Aí foi onde me sentín xa moi a  gusto desde o primeiro día, pola boa acollida. E, como teño dito algunha  vez máis, o ambiente sinxelo, familiar, agradable, da xente que está en Cabozo, foi o que máis me gustou desde un principio. As posibilidades  de interactuar con outros usuarios parécenme máis amplas que noutras  redes.
3.- Por que o teu nome de usuaria? 
Pois a verdade, non sei moi ben. Pensei algo, por suposto, en galego. E ó  mellor que tivera que ver un pouco co meu carácter tímido e  extrovertido a un tempo 
  jeje. E tampouco quería un apodo que fose  exactamente o meu nome, iso resultábame máis aburrido. Eu que che sei,  aquel día tiña un día simpático, jajaja.
4.- Hai algo  que che achegue esta rede social que non poidas atopar en redes como Twitter ou Facebook?
Pois, como dicía antes, a posibilidade de conversar directamente,  abertamente, con xente nas Cabozadas, sen que nos coñezamos de nada a  maior parte das veces. Eu non tiña coñecidos na rede e axiña me sentín a  gusto. O intercambio de opinións sobre diversos temas é moi fluído e  moitas veces moi divertido e satisfactorio.  E pouco a pouco, teño que  dicir, pois vas tamén facendo bos amigos/as. É coma estar no bar  parolando cos veciños. Iso non o hai no Face, que eu saiba. E ademais  podes acceder a información actual ou interesante por medio dos demais  usuarios e das posibilidades da propia rede. Os grupos tamén son unha  opción moi interesante para intercambio de opinións, ideas, gustos, etc. Diría que, dentro do tamaño da rede, a comunicación é á vez de ti a ti e  ó mesmo tempo global. Iso tampouco o atopei no Twitter. Penso que cada  unha destas redes ten filosofías e finalidades diferentes. Tamén creo  que é moi salientable a posibilidade de interactuar cos  creadores/xestores da rede, de forma que Cabozo se vai construíndo e  transformando pouco a pouco tamén contando cos usuarios. Esta rede está  viva!!
5.- Que opción de Cabozo é a que máis che gusta?
Creo que é evidente que as Cabozadas, non? jeje
6.- Botas algo de menos no actual Cabozo?
Pois a verdade é que non levo demasiado tempo. Dos cambios que houbo ata  agora, desde que eu son usuaria, quizais o máis salientable foi que non  se poida agora abrir unha conta sen ser convidado. E polo demais, aínda  non lle saquei á rede todo o proveito que podería, por desgraza, por  falta de tempo.
7.- Como recomendarías esta rede social a unha persoa que non coñecese esta web?
Pois falándolle da miña experiencia positiva e de todas as facilidades  que ofrece esta web que eu non lle atopo a outras redes. Creo ademais  que o feito de que a rede sexa galega debería ser un plus para todos os  que vivimos en Galicia, xa que é algo “noso”, independentemente de que a  súa lingua de comunicación habitual sexa o galego ou non.
8.- Entenderías que  Cabozo  tivese que deixar de ser unha web exclusivamente galega para poder subsistir?
As redes sociais tenden a expandirse. Eu non creo que sexa incompatible  que este proxecto sexa á vez galego e internacional, mentres se manteña  nos seus principios. O que si non me gustaría é que o proxecto deixe de  ser galego no sentido de que a forma de ser de Cabozo e a súa lingua  principal de comunicación deixe de ser “galego/a”.
9.- Se de ti dependese, que medida ou medidas adoptarías para  que a sociedade galega apostase aínda máis por esta rede social?
Por desgraza creo que non hai unha fórmula para conseguir iso.  Seguramente unha maior publicidade, unha proxección máis externa, e con  iso refírome a estar máis presentes noutras webs, e o boca a boca dos  usuari@s.
10.- Gustaríache comentarnos algo máis?
Que todos sigamos con moito ánimo e apostando por algo que é xenuino e que aínda ten moito, moito que aportar!!
ENTREVISTA A BREOGAHN:
1.- Ola Breogahn! 
 Como vai? De Queiruga, lobo de mar, fumador empedernido, deportivista  confeso, amante dos praceres da vida e sobre todo, jolfo pechabares!  Como chega un jolfo pechabares ata Cabozo? Agora mesmo non lembro moi ben pero coido que foi nun deses días  que ando de julle-julle pola rede. Non sei se foi nunha web, lendo unha  noticia ou unha entrada nun blogue. Non sei se é que me está a empeza-lo  alzheimer ou é producto de saír tanto de festa 
  O caso é que por  moitas voltas que lle dea ó tarro non consigo lembrarme :S
2.- Cal foi a túa primeira opinión da web? De principio cando entrei e vin o faladoiro grupal (Cabozadas) dixen eu  “MIMÁ, LLOU!!! Se xa falando cunha persoa as veces é un caos, con tod@s  debe ser unha auténtica bacanal! Non vou tardar en escarallarme vivo”  
  Foi todo ó contrario e a verdade que é moi gratificante atopar e  trocar diferentes ideas. Nunha palabra: pluralidade.
3.- Por que o teu nome de usuario? Antes non paraba de troca-lo meu nick, e un día, estaba a ler sobre a lenda de Breogán, o rei celta que temos no noso himno, que ten unha estátua preto da torre de Hércules e que resulta que temos en común cos irlandeses. Eles escríbenno “Breogahn” (creo que en gaélico), así que adoitei coller esa forma de escribilo xa que non é usual atopálo escrito deste xeito.
4.- Hai algo que che achegue esta rede social que non poidas atopar en redes como Twitter ou Facebook? A verdade é que sí. En dúas palabras: proximidade e familiaridade.
5.- Que opción de Cabozo é a que máis che gusta? Agora mesmo, os derradeiros trocos que houbo. Tanto o Tabomóbil para Android como a Xeolocalización e a posibilidade de subir fotos xelolocalizando éstas últimas.
6.- Botas algo de menos no actual Cabozo? Só unha cousa. A posibilidade de falar con alguen en particular sen ter a necesidade de mandarlle un privado.
7.- Como recomendarías esta rede social a unha persoa que non coñecese esta web? Vaia prejunta tes, meu rei!… Diríalle que os datos dos usuari@s só lles pertencen a eles (non coma noutras redes sociais); que é unha rede social “jalleja de pura sepa“, unha mestura de Facebook e Twitter e que probe que ha de gustarlle (mentes pervertidas xa vos estou vendo!).
8.- Entenderías que Cabozo tivese que deixar de ser unha web exclusivamente galega para poder subsistir? Por suposto que o entendería. Un blog ou unha web poden ser, de  principio, unha forma que ten o titular do mesmo de pasa-lo tempo. Se  ten moitas visitas, pódese un plantexar a posibilidade de ser un  complemento ó salario, ou como moito, vivir diso. Unha rede social é  unha empresa. Se as cousas funcionan ben, mellor para os usuarios, os  empregados da mesma e por suposto, a empresa.
Dende que cheguei a Cabozo, non parou de medrar. Se para que Cabozo teña  que expandirse e con iso significa “ser un pouco menos galego” sen ter  que renunciar a súa identidade e filosofía (e po-lo tanto que vaian as  cousas vento en popa) particularmente opino que Cabozo ten o deber de  facer ese “sacrificio“. Se un pon cartos do seu peto para aguantar ou  ten pérdidas, é mellor pecha-la porta e tan amigos coma sempre.
9.- Se de ti dependese, que medida ou medidas adoptarías para que a sociedade galega apostase aínda máis por esta rede social? Cando un estadounidense ten un proxecto que se ve que vai furular  o resto da xente dille: “Oh, que boa idea! Cara adiante, neno“. Se non e  tan boa a resposta e semellante a: “Imos alá! Veremos que pasa“.
En Galicia temos tal complexo de inferioridade que non é normal. Non me  extrana que nos invadisen os romanos. Valoramos máis o de fóra co noso.  Temos empresas que son pioneiras ou o foron nos seus respectivos  sectores (Pescanova, Frinsa, Jealsa-Rianxeira, Rodman, Navantía, Blusens  ou Inditex por poñer uns exemplos). Temos exactamente o mesmo cos de  fóra así que xa é hora de que nos poñamos as pilas dunha vez e deixemos  nun currucho ese complexo tan absurdo.
A todo isto, estoume a lembrar de dous rapaces cataláns que idearan un  sistema para deixar arquivos na rede para así non estar obrigados a ter  que telos aloxados no ordenador. Os seus achegados dixéronlles que se  deixaran de parvadas e que seguisen estudiando. Un tempo despois,  Google, Apple & cia lanzaron unha cousa chamada “cloud computing”  (computación na rede) na que un podía deixar os seus arquivos na rede.
10.- Gustaríache comentarnos algo máis? Sí. Canto dixeches que me ías pajar pola entrevista, ho? 
   Acéptase tamén pagos en forma de barrís de cervexas, ron, whisky e  semellantes ou aljún que outro xabarín para papar 
  
  






