Como moitos de vós xa sabedes unha das peculiaridades de Cabozo é que os Taboleiros (muros) dos usuari@s son sempre públicos. Iso facilita coñecer os seus contidos e polo tanto a elección de que usuarios seguir en función dos nosos intereses. Recordade que só recibimos avisos automáticos das actualizacións dos usuarios que seguimos (Lox).
Por iso adoitamos dicir que Cabozo é unha rede social con posibilidades similares as de Facebook pero cunha filosofía de uso máis próxima a Twitter (non seguimos só colegas, tamén a quen xere contidos que nos resulten de interese)
![Mostra do Taboleiro dunha usuaria lambereteira](http://cabozo.com/wordpress/wp-content/uploads/2011/03/lambereteira-300x147.jpg)
Agora quixemos ir un paso máis alá e facilitar a visualización dos contidos dos Taboleiros (nunha versión limitada) tamén dende o exterior.
Polo tanto, calquera persoa, rexistrada ou non en Cabozo, poderá ver o noso Taboleiro sen necesidade de conectarse a Cabozo e dende el poderá acceder ao daqueles usuarios que nos sigan e ao dos que sigamos. Para iso deberá coñecer o noso nome de usuario (tal cal, distínguese entre maiúsculas e minúsculas) ou terlle facilitado previamente o enlace de acceso que será sempre do tipo:
- ht tp://cabozo.com/user/nomedeusuari@
ou
- ht tp://www.cabozo.com/user/nomedeusuari@
Aclarar que a versión do Taboleiro á que se pode acceder dende o exterior de Cabozo é unha versión limitada e polo tanto varias das súas opcións están desactivadas. Se picamos sobre elas redirixirannos á pantalla de inicio. Só poderemos gozar de todas as posibilidades da web se somos usuarios rexistrados.
Que podemos ver SEN estar rexistrado en Cabozo (ou sen conectarnos á web)?
- Ver o número de visitas que ten un Taboleiro
- Podemos ver a canle de Tv do usuario e a súa emisión se é en “aberto”
- Podemos ver as mensaxes e os vídeos, fotos e enlaces adxuntos a estes
- Compartir contidos en Twitter, Facebook ou Chuza
- Subscribirnos aos RSS dos Taboleiros d@s usuari@s
- Ver o perfil dos usuarios
- Ver os usuarios aos que seguen e polos que son seguidos
- Ver os grupos públicos de Cabozo aos que pertence
- Poderemos ver as mensaxes de Twitter dos usuarios se teñen a conta activa en Cabozo
![Isto é unha mostra do que podemos ver sen estar rexistrado en Cabozo legnalof](http://cabozo.com/wordpress/wp-content/uploads/2011/03/legnalof-300x148.jpg)
Entre as opcións deshabilitadas están as seguintes:
- Non podemos facer comentarios nin deixar ningunha mensaxe nova
- Non podemos facer uso das iconas para ver dunha ollada todos os vídeos ou fotos adxuntos ás mensaxes dese Taboleiro
- Non podemos ver os álbums de fotos dos usuari@s (nin aínda que sexan públicos)
- Por suposto non poderemos acceder nin as Cabozadas (“microbloggin” e punto de encontro de todos os usuarios cabozeiros), nin á sección Novas, nin a Lox, nin acceder aos grupos, nin facer uso dos chats, nin das videoconferencias, nin acceder a xogos…
![Deberemos rexistrarnos para gozar de todas as posibilidades videoconf](http://cabozo.com/wordpress/wp-content/uploads/2011/03/videoconf-300x154.jpg)
Con isto preténdese dotar a Cabozo de novas posibilidades de uso, dar a coñecer un pouco máis as posibilidades reais da web, lograr unha maior difusión e facilitar aos usuari@s compartir os seus contidos.
![En "Axustes" podes desactivar a opción axustes](http://cabozo.com/wordpress/wp-content/uploads/2011/03/axustes-300x239.jpg)
Por último aclarar que esta opción está activada por defecto. Se algún usuario non quere que se poida acceder ao seu Taboleiro dende fóra de Cabozo poderá desactivar a opción nos seus “Axustes” de usuario.