Posts Tagged ‘galicia’

22 imaxes case definitivas do que en breve será o novo deseño de Cabozo

Jueves, julio 21st, 2011

O futuro deseño de Cabozo está cada día máis preto… e hoxe xa vos podemos adiantar 22 imaxes, case definitivas, do que será o próximo Cabozo :D Cabozo plus? :P :D

Empezamos pola nova portada. Dende ela poderemos acceder, entre outras cousas, ao Tabomobil a versión para smartphones de Cabozo e calquera persoa, sexa usuari@ rexistrado ou non, poderá facer uso de Arredor, o novo servizo de xeolocalización de Cabozo:

Próxima portada de Cabozo

Dende a portada tamén poderemos acceder ás condicións de uso da web. Por certo, alguén as le? :)

Condicións de uso de Cabozo

Este será o novo aspecto do noso Taboleiro (algo parecido ao que coñecedes como “Muro” ou “TL” noutras redes sociais):

3meutaboleiro

Detalle da columna das opcións. Picando sobre a icona que aparece á dereita dos usuarios que seguimos poderemos iniciar un chat privado con eles. Nas iconas dos usuarios que nos seguen podemos marcar usuarios como favoritos (para permitir posteriormente o seu acceso aos nosos álbums privados) ou bloquear usuarios para que non reciban os avisos automáticos das nosas actualizacións: :)

Detalle da columna das opcións

Así veremos agora a pantalla para enviar mensaxes aos taboleiros:

Pantalla para escribir mensaxes aos taboleiros

Pestana das Cabozadas, microblogging de 140 carácteres para falar en tempo real con calquera dos usuarios de Cabozo sígalos ou non. O punto de encontro de todos os Cabozeir@s: :D

Cabozadas

Pestana Lox, avisos automáticos das actualizacións dos usuarios que seguimos:

Lox, avisos automáticos de actualizacións

Así veremos dunha ollada os vídeos YouTube adxuntos ás mensaxes dos taboleiros dun usuario:

Vídeos YouTube adxuntos as mensaxes dos taboleiros

Arredor, novo servizo de xeolocalización de Cabozo. Así o veremos os usuarios rexistrados accedendo dende o noso taboleiro:

Arredor, novo servizo de xeolocalización de Cabozo

Só os usuarios rexistrados poderemos crear novas marcas (negocios, praias, noticias, lugares de interese, etc.) que logo calquera persoa poderá ver dende a portada de Cabozo. Estas marcas só poderán ser comentadas por usuarios rexistrados:

Crea novas marcas (negocios, praias, puntos de interese, novas, etc.)

Se accedemos a eles, así veremos agora os perfís dos usuarios:

Perfís usuari@s

Novo aspecto da pantalla das videochamadas. Similar aspecto terán as canles de Tv daqueles usuarios que os teñan activos:

Videochamadas e Canles de Tv

Álbums persoais:

Álbums persoais

Foto de álbum persoal:

Foto de álbum persoal

Pantalla de administración de álbums persoais. Dende aquí podemos crealos, marcalos como públicos ou privados, seleccionar a quen damos acceso para velos ou eliminalos:

Pantalla de administración de álbums persoais

Nova pantalla de seguimentos. Aquí veremos cando entran ou saen de Cabozo aqueles usuarios que seguimos:

Seguimentos

Así veremos os taboleiros doutros usuarios. Picando sobre o seu nome ou imaxe en calquera parte da web ou cando accedemos a eles dende o buscador (por nome, nick ou cidade):

Taboleiros doutros usuari@s

Meus Grupos. Calquera usuario pode crear dende hai anos en Cabozo grupos públicos ou privados se só quere compartir contidos coa xente que invite ao devandito grupo. Vamos, a supernovidade de Google plus pero sen os seus circuliños: :D

Meus grupos

Esta será a nova pantalla para unirse a grupos. Se son públicos só será necesario picar sobre o nome do grupo e se son privados ao picar sobre o nome do grupo o seu creador recibirá unha petición de unión que poderá aceptar ou non: :)

Unirse a grupos

Pantalla de configuración dos grupos dos que sexamos administradores. Aquí marcaremos o grupo como público ou privado, se permitimos subir imaxes ou non, se permitimos poder compartir álbums ou non, se se poden engadir eventos, recibir solicitudes de unión, etc.:

Configuración dos grupos propios

Pantalla de eventos de grupos, onde poderemos crear eventos dentro dun grupo determinado:

Eventos de grupos

Reproductor de vídeos. Facilita o visionado de todos os vídeos YouTube adxuntos ás mensaxes dos distintos grupos dos que somos membros:

Reproductor vídeos

O Modo Playlist permite reproducir de forma automática as listas de vídeos dun determinado grupo do que somos membro. Podemos por exemplo crear un grupo privado ou público coa nosa música favorita e logo reproducila deste modo:

Modo Playlist do reproductor de vídeos

E isto só é unha parte de todas as posibilidades que ofrece Cabozo, a rede social alternativa “made in Galicia“. Aquí podedes ler as opinións dalgúns usuari@s. E ben… que vos parece entón o novo deseño? :D

Cabozo, a rede social autenticamente galega

Jueves, junio 16th, 2011

Entrevista concedida por LegnaLof ao responsable do blog de Compostweets, evento anual social media en Galicia:

Antonio Mariño e Ánxel Folgueira, desenvolvedores de Cabozo.com

Antonio Mariño e Ánxel Folgueira, desenvolvedores de Cabozo.com

“Si irse a trabajar fuera siempre es duro, lo es menos si puedes mantener el contacto con los tuyos. Algo así debió pensar Antonio Mariño cuando, en 2008 y a raíz de estar trabajando en Alemania, se planteó junto a Ánxel Folgueira el desarrollar íntegramente una red social gallega partiendo desde cero. Ánxel, esa otra cabeza visible de Cabozo.com, que así es como llamaron al proyecto, concedió una entrevista a Compostweets para hablar de su red social.”

Pica aquí para ver a entrevista completa

Adaptamos a portada de Cabozo para dar cobertura ás mobilizacións cidadás das principais cidades galegas

Miércoles, mayo 18th, 2011

(Lectores no gallegos pinchar aquí)

Adaptamos a portada para dar cobertura as #acampadasgalegas

Por primeira vez, motivados pola relevancia dos acontecementos, dende Cabozo decidimos adaptar por tempo indefinido a nosa portada* para facilitar aos nosos usuari@s, e a todo aquel que o desexe, o seguimento das mobilizacións nas principais cidades galegas. Ademais faremos un seguimento á concentración da Porta do Sol en Madrid que foi a precursora deste movemento que pretende cambios sociais e políticos na nosa sociedade.

Acampada hoxe en Lugo na Praza Maior

Que podes seguir dende a nosa portada? Webcams, tweets, vídeos, fotos, noticias…

Ademais das opcións habituais da portada de Cabozo, que relegamos a un segundo plano, agora atoparedes as etiquetas de Twitter (hashtag) baixo as que se están seguindo as principais mobilizacións galegas, a acampada de Puerta del Sol en Madrid e algunhas das etiquetas xenéricas deste movemento.

Picando sobre esas etiquetas veremos as últimas mensaxes que fagan referencia ás mesmas, as últimas 8 fotos ou vídeos referidos ás devanditas etiquetas e a webcam, se a hai, a dita acampada (como por exemplo podedes ver en #acampadaobradoiro).

Ademais poderedes ver un mapa das distintas acampadas, ademais de noticias sobre as mesmas.

Pica aquí e visita a portada de Cabozo

*Algunha vantaxe tiña que ter ser unha web libre, independente, non subvencionada e creada baixo código propio :P

Saúdos! ;)

Axuda a Galicia Confidencial. Axuda a manter un xornalismo libre e sustentable

Domingo, mayo 15th, 2011

Galicia ConfidencialO primeiro medio galego en apostar por Cabozo precisa da túa axuada para poder seguir ofrecendo unha información independente, obxectiva e en galego.

Podes seguir a Galicia Confidencial en Cabozo

Os tres milleiros e medio de usuari@s diarios de Galicia Confidencial xa poden contribuír a mantelo como referencia da información independente na rede galega.

Consulta aquí todas as posibilidades de colaboración.

Concellos da Costa da Morte crean unha guía para difundir o uso do galego na Rede

Domingo, mayo 15th, 2011

Os meus favoritos. Guía de enderezos de internet

Os concellos de Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas, a través dos seus servizos de normalización lingüística, acaban de editar a guía Os meus favoritos, un catálogo que recolle preto de 200 enderezos de sitios web en galego de ámbitos tan diversos como a banda deseñada, o deporte, o audiovisual, a información cultural, a mocidade, as redes sociais, os xogos, etc.

De Os meus favoritos editáronse entre os catro concellos 8.000 exemplares en papel, que serán distribuídos nos centros de ensino, edificios públicos, aulas de informática, asociacións, etc. Ademais, todas as persoas interesadas poden solicitalo no Servizo de Normalización Lingüística (SNL) dos catro concellos que impulsan a iniciativa. Ademais, a guía tamén se difundirá en formato dixital a través de webs e correo electrónico.

Os obxectivos desta iniciativa son facilitar o descubrimento e o coñecemento do ciberespazo en galego, vencellar a lingua galega con novos e modernos espazos de uso, concretamente na rede e nas novas tecnoloxías, e contribuír á difusión da información de todo tipo na nosa lingua.

Cabozo é unha das webs que aparecen na guía

Agradecemos aos impulsores desta iniciativa que incluísen a Cabozo na guía ;)

Entrevistamos a Lambereteira e Breogahn, os usuari@s cabozeiros do momento.

Jueves, mayo 5th, 2011

Fiestra e TTV foron os anteriores usuari@s destacados

Por primeira vez dende que incorporamos esta sección a Cabozo, adiantamos no noso blog as entrevistas aos “Usuari@s destacados”. Estas entrevistas que vimos realizando dende hai tempo, sen unha periodicidade fixa, serán publicadas a partir de agora tamén por aquí.

Esperamos que vos resulten interesantes e que sirvan para dar a coñecer un pouquiño máis este proxecto.

Inauguramos esta sección no blog coas entrevistas a Lambereteira e Breogahn que collen o relevo de Fiestra e TTV. Aí van: :D

Taboleiro público de Lambereteira en Cabozo

ENTREVISTA A LAMBERETEIRA:

1.- Ola Lambereteira! Que tal? Filóloga, de Sarandón, amante da natureza… Como chegas ata Cabozo?
Teño desde hai algo máis de tempo que a miña conta en cabozo (non moito máis) unha conta en Facebook (coma case todo quisque, jeje) e teño agregadas varias publicacións en galego. Nunha delas, agora non recordo ben cal, entrei e había unha nova sobre Cabozo, describíndoo como rede social galega. Entón dixen, xenial! hai que participar aquí. E así foi como abrín a miña conta.

2.- Cal foi a túa primeira opinión da web?
Pois pareceume un pouco diferente do Face, por suposto, sobre todo a posibilidade de entrar en contacto con outros usuarios por medio das Cabozadas, que me pareceu fantástico. Aí foi onde me sentín xa moi a gusto desde o primeiro día, pola boa acollida. E, como teño dito algunha vez máis, o ambiente sinxelo, familiar, agradable, da xente que está en Cabozo, foi o que máis me gustou desde un principio. As posibilidades de interactuar con outros usuarios parécenme máis amplas que noutras redes.

3.- Por que o teu nome de usuaria?
Pois a verdade, non sei moi ben. Pensei algo, por suposto, en galego. E ó mellor que tivera que ver un pouco co meu carácter tímido e extrovertido a un tempo :) jeje. E tampouco quería un apodo que fose exactamente o meu nome, iso resultábame máis aburrido. Eu que che sei, aquel día tiña un día simpático, jajaja.

4.- Hai algo que che achegue esta rede social que non poidas atopar en redes como Twitter ou Facebook?
Pois, como dicía antes, a posibilidade de conversar directamente, abertamente, con xente nas Cabozadas, sen que nos coñezamos de nada a maior parte das veces. Eu non tiña coñecidos na rede e axiña me sentín a gusto. O intercambio de opinións sobre diversos temas é moi fluído e moitas veces moi divertido e satisfactorio. E pouco a pouco, teño que dicir, pois vas tamén facendo bos amigos/as. É coma estar no bar parolando cos veciños. Iso non o hai no Face, que eu saiba. E ademais podes acceder a información actual ou interesante por medio dos demais usuarios e das posibilidades da propia rede. Os grupos tamén son unha opción moi interesante para intercambio de opinións, ideas, gustos, etc. Diría que, dentro do tamaño da rede, a comunicación é á vez de ti a ti e ó mesmo tempo global. Iso tampouco o atopei no Twitter. Penso que cada unha destas redes ten filosofías e finalidades diferentes. Tamén creo que é moi salientable a posibilidade de interactuar cos creadores/xestores da rede, de forma que Cabozo se vai construíndo e transformando pouco a pouco tamén contando cos usuarios. Esta rede está viva!!

5.- Que opción de Cabozo é a que máis che gusta?
Creo que é evidente que as Cabozadas, non? jeje

6.- Botas algo de menos no actual Cabozo?
Pois a verdade é que non levo demasiado tempo. Dos cambios que houbo ata agora, desde que eu son usuaria, quizais o máis salientable foi que non se poida agora abrir unha conta sen ser convidado. E polo demais, aínda non lle saquei á rede todo o proveito que podería, por desgraza, por falta de tempo.

7.- Como recomendarías esta rede social a unha persoa que non coñecese esta web?
Pois falándolle da miña experiencia positiva e de todas as facilidades que ofrece esta web que eu non lle atopo a outras redes. Creo ademais que o feito de que a rede sexa galega debería ser un plus para todos os que vivimos en Galicia, xa que é algo “noso”, independentemente de que a súa lingua de comunicación habitual sexa o galego ou non.

8.- Entenderías que Cabozo tivese que deixar de ser unha web exclusivamente galega para poder subsistir?
As redes sociais tenden a expandirse. Eu non creo que sexa incompatible que este proxecto sexa á vez galego e internacional, mentres se manteña nos seus principios. O que si non me gustaría é que o proxecto deixe de ser galego no sentido de que a forma de ser de Cabozo e a súa lingua principal de comunicación deixe de ser “galego/a”.

9.- Se de ti dependese, que medida ou medidas adoptarías para que a sociedade galega apostase aínda máis por esta rede social?
Por desgraza creo que non hai unha fórmula para conseguir iso. Seguramente unha maior publicidade, unha proxección máis externa, e con iso refírome a estar máis presentes noutras webs, e o boca a boca dos usuari@s.

10.- Gustaríache comentarnos algo máis?
Que todos sigamos con moito ánimo e apostando por algo que é xenuino e que aínda ten moito, moito que aportar!!

Taboleiro público de Breogahn en Cabozo

ENTREVISTA A BREOGAHN:

1.- Ola Breogahn! Como vai? De Queiruga, lobo de mar, fumador empedernido, deportivista confeso, amante dos praceres da vida e sobre todo, jolfo pechabares! Como chega un jolfo pechabares ata Cabozo? Agora mesmo non lembro moi ben pero coido que foi nun deses días que ando de julle-julle pola rede. Non sei se foi nunha web, lendo unha noticia ou unha entrada nun blogue. Non sei se é que me está a empeza-lo alzheimer ou é producto de saír tanto de festa :D O caso é que por moitas voltas que lle dea ó tarro non consigo lembrarme :S

2.- Cal foi a túa primeira opinión da web? De principio cando entrei e vin o faladoiro grupal (Cabozadas) dixen eu “MIMÁ, LLOU!!! Se xa falando cunha persoa as veces é un caos, con tod@s debe ser unha auténtica bacanal! Non vou tardar en escarallarme vivo:D Foi todo ó contrario e a verdade que é moi gratificante atopar e trocar diferentes ideas. Nunha palabra: pluralidade.

3.- Por que o teu nome de usuario? Antes non paraba de troca-lo meu nick, e un día, estaba a ler sobre a lenda de Breogán, o rei celta que temos no noso himno, que ten unha estátua preto da torre de Hércules e que resulta que temos en común cos irlandeses. Eles escríbenno “Breogahn” (creo que en gaélico), así que adoitei coller esa forma de escribilo xa que non é usual atopálo escrito deste xeito.

4.- Hai algo que che achegue esta rede social que non poidas atopar en redes como Twitter ou Facebook? A verdade é que sí. En dúas palabras: proximidade e familiaridade.

5.- Que opción de Cabozo é a que máis che gusta? Agora mesmo, os derradeiros trocos que houbo. Tanto o Tabomóbil para Android como a Xeolocalización e a posibilidade de subir fotos xelolocalizando éstas últimas.

6.- Botas algo de menos no actual Cabozo? Só unha cousa. A posibilidade de falar con alguen en particular sen ter a necesidade de mandarlle un privado.

7.- Como recomendarías esta rede social a unha persoa que non coñecese esta web? Vaia prejunta tes, meu rei!… Diríalle que os datos dos usuari@s só lles pertencen a eles (non coma noutras redes sociais); que é unha rede social “jalleja de pura sepa“, unha mestura de Facebook e Twitter e que probe que ha de gustarlle (mentes pervertidas xa vos estou vendo!).

8.- Entenderías que Cabozo tivese que deixar de ser unha web exclusivamente galega para poder subsistir? Por suposto que o entendería. Un blog ou unha web poden ser, de principio, unha forma que ten o titular do mesmo de pasa-lo tempo. Se ten moitas visitas, pódese un plantexar a posibilidade de ser un complemento ó salario, ou como moito, vivir diso. Unha rede social é unha empresa. Se as cousas funcionan ben, mellor para os usuarios, os empregados da mesma e por suposto, a empresa.
Dende que cheguei a Cabozo, non parou de medrar. Se para que Cabozo teña que expandirse e con iso significa “ser un pouco menos galego” sen ter que renunciar a súa identidade e filosofía (e po-lo tanto que vaian as cousas vento en popa) particularmente opino que Cabozo ten o deber de facer ese “sacrificio“. Se un pon cartos do seu peto para aguantar ou ten pérdidas, é mellor pecha-la porta e tan amigos coma sempre.

9.- Se de ti dependese, que medida ou medidas adoptarías para que a sociedade galega apostase aínda máis por esta rede social? Cando un estadounidense ten un proxecto que se ve que vai furular o resto da xente dille: “Oh, que boa idea! Cara adiante, neno“. Se non e tan boa a resposta e semellante a: “Imos alá! Veremos que pasa“.
En Galicia temos tal complexo de inferioridade que non é normal. Non me extrana que nos invadisen os romanos. Valoramos máis o de fóra co noso. Temos empresas que son pioneiras ou o foron nos seus respectivos sectores (Pescanova, Frinsa, Jealsa-Rianxeira, Rodman, Navantía, Blusens ou Inditex por poñer uns exemplos). Temos exactamente o mesmo cos de fóra así que xa é hora de que nos poñamos as pilas dunha vez e deixemos nun currucho ese complexo tan absurdo.
A todo isto, estoume a lembrar de dous rapaces cataláns que idearan un sistema para deixar arquivos na rede para así non estar obrigados a ter que telos aloxados no ordenador. Os seus achegados dixéronlles que se deixaran de parvadas e que seguisen estudiando. Un tempo despois, Google, Apple & cia lanzaron unha cousa chamada “cloud computing (computación na rede) na que un podía deixar os seus arquivos na rede.

10.- Gustaríache comentarnos algo máis? Sí. Canto dixeches que me ías pajar pola entrevista, ho? :P Acéptase tamén pagos en forma de barrís de cervexas, ron, whisky e semellantes ou aljún que outro xabarín para papar ;) :D :D

O servizo de xeolocalización de Cabozo abre un mundo de novas posibilidades aos seus usuari@s

Sábado, abril 30th, 2011

(Lectores no gallegos pinchad aquí. Versión no actualizada)

Arredor, o novo servizo de xeolocalización de Cabozo

Arredor, o servizo de xeolocalización de Cabozo, permite  compartir con outros usuari@s sitios de interese (aloxamentos, praias, festas, eventos, restaurantes…) mediante a súa localización e deixar comentarios nas localizacións que compartan outros usuarios :) Ademais, para unha maior difusión, calquera poderá acceder libremente a estes sitios de interese dende a portada de Cabozo.

Queres deixar constancia do lugar exacto onde sacaches a foto dese sitio tan espectacular? Dar difusión ao teu negocio? Mostrar a túa localización para facilitar o contacto con usuari@s cabozeiros que se atopen na mesma zona ou para ver puntos de interese próximos a ti? Gustaríache poder recomendar a outros usuarios ese bar onde dan esas tapas tan ricas? Ou esa casa rural onde pasaches as túas vacacións ? Ou esa praia da que tanto gustas? Gustaríache crear e compartir puntos de interese da túa localidade cos cabozeiros que visiten a túa vila ou cidade? Pois todo isto e moito máis xa é posible en Cabozo! :D

Vexamos agora con máis detalle as posibilidades que ofrece este servizo tanto para os usuarios rexistrados como para os que aínda non teñen conta en Cabozo…

OPCIÓNS DISPOÑIBLES PARA OS USUARIOS REXISTRADOS

Xeolocaliza as mensaxes que compartes no teu taboleiro

- Xeolocaliza as mensaxes do teu taboleiro para crear, por exemplo, notas e recordatorios, baseados na túa localización: Agora xa podes xeolocalizar calquera mensaxe que compartas no teu taboleiro. Mensaxes que poden ir acompañadas de fotos, vídeos, ligazóns, arquivos… Cando vaias enviar unha mensaxe, poderás marcar a opción “Xeolocalizar(xusto debaixo do sitio reservado para o texto das mensaxes, ver imaxe anterior) que abrirá unha xanela onde aparecerás xeolocalizado (se permites o acceso ao navegador). Unha marca “C“  indicará a túa localización actual. Picando sobre esa marca pódela arrastrar por se queres axustar a túa localización ou por se queres localizar algo estando nese momento nun lugar distinto.

Visita a posteriori todas as túas mensaxes xeolocalizadas

Posteriormente poderás acceder dende o teu taboleiro a todas as túas mensaxes xeolocalizadas dende a icona que podes ver na imaxe anterior. O número que aparece á súa dereita indica o número de mensaxes que localizaches. Se picas sobre as distintas marcas verás o texto das mensaxes e as fotos, ligazóns, etc. adxuntas as mesmas (ver imaxe anterior).

- Xeolocaliza e comparte puntos de interese co resto de usuari@s: Dende a icona “Arredor” que atoparás no teu taboleiro (ver na imaxe inferior) podemos, entre outras cousas, localizar e compartir puntos de interese co resto de usuari@s.

Teremos que permitir ao navegador compartir a nosa localización

Ao picar sobre a devandita icona aparecerá unha mensaxe do navegador para permitir compartir a nosa localización (salvo que previamente a marcaramos por defecto. Ver imaxe anterior). Se aceptamos abrirase unha xanela onde aparecerá a nosa localización.

Temos que crear marcas para poder localizar sitios de interese

Xusto encima veremos tres opcións (ver imaxe anterior), entre elas,  “Nova marca” que é a opción sobre a que picaremos para crear unha nova marca (sitio de interese).

Exemplo de creación de marca e localización dun sitio de interese, neste caso a muralla de Lugo

Cando creamos unha nova “marca” dun “sitio de interese“, para compartir co resto de usuari@s de Cabozo, temos 1.500 caracteres para incluír unha descrición. Ademáis podemos engadir unha ligazón (que para que se publique correctamente deberá ir desta maneira [url]enlace[/url]) e/ou achegar unha imaxe. No mapa temos que situar a marca “C” no lugar adecuado, xogando co zoom e picando sobre ela. Unha vez situada a marca escollemos unha categoría en “Elixe tipo de marca” de entre as existentes: aloxamento, bar, comercio, evento, festa, interese, praia, restaurante… (ver imaxe anterior). Finalmente darémoslle a “Enviar” para publicar e compartir o sitio de interese que xa poderá ser visitado.

Se queres, podes borrar ou editar as marcas ou sitios de interes creados

Podemos editar ou borrar todos os sitos de interese que cremos, na opción “As miñas marcas(ver imaxe anterior)

- Visita as “marcas” ou “sitios de interese” creados por outros usuari@s: Dende o noso taboleiro, entrando na opción “Arredor“, ademais de crear marcas ou sitios de interese como xa comentamos, podemos ver e comentar os sitios de interese que comparten o resto de usuarios de Cabozo.

Visita por categorías os sitios de interese que comparten o resto de usuarios

Para ver esas “Marcas” debemos escoller no desplegable situado encima do mapa da nosa localización unha categoría (ver imaxe anterior). Nese momento veremos as “marcas” que se crearon próximas á nosa localización na devandita categoría. Se nese lugar non aparece ningunha podemos desprazarnos polo mapa para ver as máis próximas.

Pica sobre as marcas "C" para ver os sitios de interese

Xogando co zoom do mapa e desprazándonos por el podemos ver a “marcas” creadas en calquera parte do mundo. Como exemplo podedes situarvos na zona de Viveiro onde xa se crearon algunhas “marcas” a modo de exemplo na categoría “Interese“. Pica sobre as marcasC” para ver os sitios de interese.

- Como deixar comentarios nas “marcas” ou “sitios de interese” creados por outros usuari@s: Accedemos de novo aos “sitios de interese dende a icona “Arredor” do noso taboleiro como xa comentamos. Para comentar unha marca temos que picar sobre esta, e na xanela que se abre coa información, picar sobre o globo que aparece á beira do número de comentarios desa marca. Aparece así a versión estendida da mesma con todos os comentarios e o botón, arriba á dereita, “escribir mensaxe“.

Comenta e aporta información dos sitios de interese que comparten outros usuarios

OPCIÓNS DISPOÑIBLES PARA USUARIOS NON REXISTRADOS

Cabozo permite que calquera persoa teña acceso aos sitios de interese que compartan os usuarios de Cabozo. Agora ben, só os usuarios rexistrados poden deixar comentarios.

As personas sen conta en Cabozo poden acceder a "Arredor" dende a portada de Cabozo

Aquelas persoas que aínda non teñan conta en Cabozo deben acceder a “Arredor” dende a portada de Cabozo (ver imaxe anterior). Unha vez permitido ao seu navegador o acceso á súa localización, poderán empezar a explorar o mapa e a visitar os sitios de interese mesmo por categorías.

Calquera pode visitar os sitios de interese compartidos en Cabozo


Recordade que dende o Tabomobil, versión web de Cabozo para smartphone, tamén podedes facer uso dos servizos de xeolocalización de Cabozo mesmo disfrutar de funcionalidades exclusivas como as “Rutas” ;)

O Tabomobil evoluciona. Estreamos nova versión web de Cabozo para Smartphone

Domingo, abril 17th, 2011

Detectado un aumento significativo do uso de Cabozo dende o móbil, hoxe presentámosvos unha versión moito máis completa e avanzada do Tabomobil, a versión web de Cabozo para móbil.

tabomobil-inicio

Ata hoxe o Tabomobil só nos permitía enviar mensaxes ao noso Taboleiro e… nada máis.

A nova versión ofrécenos novas posibilidades e agora, ademais de poder enviar mensaxes ao noso Taboleiro, tamén podemos velos e respondelos. Podemos ver e responder as respostas que recibamos nos Taboleiros doutros usuarios, ver os Lox e acceder a eles, ver e responder as mensaxes privadas que recibamos e quizais o máis esperado, agora tamén podemos facer uso das Cabozadas.

tabipand

O enlace de acceso á nova versión do Tabomobil é o mesmo que ate agora, así que se xa o tiñas gardado como favorito dende hoxe accederás á nova versión ao entrar.

Se nunca fixeches uso del podes acceder co teu móbil dende este enlace e unha vez dentro gardalo en favoritos para telo sempre a man.

O primeiro que veremos ao acceder é unha sinxela pantalla de acceso onde se nos pide o noso nome de usuario e contrasinal. Outra das novidades é que agora nos gardará os nosos datos para non ter que andar meténdoos cada vez que entremos.

Unha vez dentro veremos a pantalla de opcións: “Meu Taboleiro“, “Nova mensaxe“, “Respostas“, “Lox“, “Cabozadas” e “Privados

tabomobil-opc

1.- Meu Taboleiro: Aquí podemos ver todas as entradas do noso Taboleiro. Se picamos sobre o texto das mensaxes veremos todas as súas respostas, debaixo das cales teremos a opción “Responder”. Na parte superior temos a opción “Volver”.

2.- Nova Mensaxe: Aquí podemos enviar unha mensaxe ao noso Taboleiro ao cal lle podemos achegar unha imaxe ou un vídeo YouTube (ata agora esta era a única opción que ofrecía o antigo Tabomobil)

3.- Respostas: Aquí vemos as respostas que recibimos aos nosos comentarios en calquera Taboleiro. Se picamos sobre o texto das mensaxes verémolo no seu lugar orixinal e poderemos responder. Esta opción márcanos o número de respostas pendentes. Só desaparecerán se picamos sobre elas para velas no seu lugar de orixe.

tabomobil-respostas

4.- Lox: Podemos ver as actualizacións daqueles usuari@s que seguimos, acceder a elas e comentar.

5.- Cabozadas: Funcionan exactamente igual que na versión normal.

6.- Privados: Aquí podemos ver as mensaxes privadas que recibimos e podemos respondelas ou marcalas como lidas. Para respondelas picaremos como sempre sobre o texto das mensaxes.

Por último vemos a opción Logout para desconectarnos.


ACTUALIZACIÓN:

Opcións Tabomobil

Engadida a posibilidade de xeolocalizar as mensaxes que enviemos ao noso Taboleiro e dúas novas opcións:

7.- Seguimentos: Dende aquí podemos acceder directamente ao Taboleiro daqueles usuari@s que sigamos.

Atopa puntos de interese compartidos por outros usuari@s

8.- Arredor: Esta opción de xeolocalización, permite ver as “marcas” ou “puntos de interese” que deixaron os usuari@s próximas a nosa localización ou ben buscar eses “puntos de interese” en calquera parte do mundo. As procuras faranse por categorías (interese, evento, restaurante, praia…).

MÁIS AQUÍ:

Aumentan as opcións de xeolocalización do Tabomobil coa inclusión das “Rutas”


Pachi Vázquez fala sobre a súa experiencia en Cabozo “que ten unha visión propia, que en ningún caso está reñida con estar noutras redes”

Domingo, abril 17th, 2011

O secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, someteuse esta semana ás preguntas que os internautas lle fixeron chegar nos últimos días a través das redes sociais FacebookTwitter e a galega Cabozo.

Diversas cuestións da actualidade política, económica e social, tanto do ámbito local como autonómico e estatal foron formuladas ao político galego.

Vázquez fala da súa experiencia en Cabozo

Vázquez tamén foi preguntado pola súa experiencia nas redes sociais, e concretamente sobre a súa experiencia na rede social galega Cabozo. Dixo apostar “firmemente polas redes sociais” e invitou a todas as formacións políticas, sociais e económicas a participar nelas. “Eu síntome cómodo e encantado. E especialmente coa nosa rede social galega, que ten unha visión propia, que en ningún caso está reñida con estar noutras redes”.

No vídeo adxunto, podedes ver o momento concreto no que responde á pregunta sobre Cabozo no minuto 16:48 (fonte orixinal: web do PSdeG)

Segue en directo o evento #NeThinking

Miércoles, marzo 30th, 2011

#NeThinking reune a destacados expertos en comunicación e redes sociais para abordar o novo escenario que propiciou o desenvolvemento de internet.

O encontro está a ser retransmitido por streaming a través de San Simón Tv e permite a participación virtual a través de Twitter mediante a etiqueta #nethinking

Entre os asistentes caras tan coñecidas como a presentadora de Tv Eva Hache ou de recente actualidade como o director de cine Nacho Vigalongo.

Aquí máis información sobre o evento.


Watch live streaming video from illadesansimon at livestream.com
Watch live streaming video from illadesansimon at livestream.com

#NeThinking reune a destacados expertos en comunicación y redes sociales para abordar el nuevo escenario que ha propiciado el desarrollo de internet. El encuentro está siendo retransmitido por streaming a través de San Simón TV y permite la participación virtual a través de Twitter mediante la etiqueta #nethinking. Entre los asistentes caras tan conocidas como la presentadora de TV  Eva Hache o de reciente actualidad como el director de cine Nacho Vigalongo.Aquí más información sobre el evento.