Como deixar de ser a muller ou o home invisible en Cabozo :) e empezar a relacionarte e a seguir outros usuari@s
(Lectores no gallegos pinchad aquí)
Rexistrado nesta espectacular rede social, si xa sei que son un ‘fanboy’ pero que queres? verás como despois de facilitar só unha conta de correo, xa podes empezar a explorar e a usar todos os servizos que ofrece Cabozo sen ter que ‘pasar por caixa’.
Cando falo de ‘pasar por caixa’ refírome a que aquí, ao contrario do que sucede noutras redes sociais, non precisas ‘pagar’ con información os servizos que che imos ofrecer e polo tanto non necesitas encher cos teus datos persoais ningún formulario con campos obrigatorios para poder empezar a usar esta rede social…
Aínda así, unha vez investigues ata o último canto da web, pero que buscarás alma de deus? non sexas merluz@ e antes de empezar a interactuar co resto de usuarios pasa pola opción “Configuración” para polo menos cambiar o logo por defecto de Cabozo pola túa imaxe de usuari@.
Se pola contra, despois desa primeira ollada, non tes pensado seguir usando esta rede social, ti o perdes pequeno saltamontes ou… saltaredes, non? non deixes abandonada a túa conta. Vai ás opcións de “configuración” e dáte de baixa. Cabozo segue sendo o mesmo cun rexistro máis ou cun menos e ti non seguirás danando a túa reputación online deixando abandonada unha conta máis… Iso si, se ousas deixar tirada a túa conta nalgunha das rúas cabozeiras atente ás consecuencias forasteiro, e xa te preavisamos, temos un dos mellores servizos grúa do momento e probablemente a mellor xestión de poxas do mundo. Avisado quedas…
Dito isto, pasemos a ver como podemos facer para que o resto de usuarios de Cabozo saiban que “xa estás aquí” Antes de nada, fai o seguinte:
PRIMEIRO:
Recorda pasar por “configuración“ e cambiar a imaxe de usuario. Se ademais engades algún dato máis ao teu perfil como unha pequena descrición (bio), o teu lugar de residencia ou algún dos teus gustos musicais por poñer un exemplo, a túa conta resultará máis atractiva para o resto de usuarios. Aquí tes todo o que podes configurar e recorda, non é obrigatorio cubrir ningún campo e ti decidirás en todo momento que é o que queres compartir e o que non. Agora ben, se es de Burela e queres que a xente che encontre polo teu lugar de residencia pero non o indicas… Cabozo non fai milagres, eh!
SEGUNDO:
Sobe algún contido ao teu muro (pestana “meu taboleiro“). Se queremos darnos a coñecer e captar a atención doutros usuarios será mellor ofrecerlles algo antes de que entren ao noso Taboleiro e o vexan tristeiro e baleiro, non? Ademais, se resulta interesante pode que outros usuari@s con máis seguidores cópieno ao seu Taboleiro e axude a darte a coñecer na rede. O que? Iso xa é cousa túa amigo… Recorremos outra vez á música? Quizais compartir un vídeo de YouTube con algunha das nosas cancións favoritas sexa unha forma amena de empezar… Agora ben, se xa tes moi claro que en Cabozo queres relacionarte principalmente con expertos en física cuántica quizais sexa mellor que subas un vídeo, foto ou noticia sobre os tan de actualidade neutrinos por poñer un exemplo… Captas a mensaxe?
Ben, feito isto xa podemos dicir que estás asead@ e presentable para empezar a interactuar co resto de usuarios cabozeir@s. Por fin! ¬¬
Segue agora estes 8 pasos e nunca máis te sentirás invisible en Cabozo. Imos alá!
1.- Mira se alguén che deixou algunha mensaxe de benvida no teu muro (xa sabes, pestana “meu Taboleiro“) e se é así, respóndelle. Pica directamente sobre o texto das súas mensaxes e a túa resposta aparecerá publicada no mesmo fío. Xa postos, podemos picar sobre os seus nomes ou imaxes de usuarios para acceder aos seus Taboleiros (muros) e ver os seus contidos. Quizais poidamos deixar algún comentario e sobre todo non se che esqueza seguir o usuario se che resultou interesante. Para iso só tes que picar sobre a opción “seguir usuario“
2.- Comproba se algún usuario xa te segue a ti. Veralo ou ben na pestana “Lox” (onde irás recibindo distintos avisos automáticos) ou nas opcións da columna da dereita onde verás “Seguido por (x)” Se entre paréntese aparece algún número ese será o número de seguidores que tes. Se tes algún seguidor pica sobre o devandito indicador e verás como se despregan os seus nicks ou nomes de usuario. Recomendo que tamén os sigas ti. Xa sabes, picas sobre os seus nomes e xa dentro dos seus Taboleiros en “seguir usuario“
Nesta fase de facernos visibles e darnos a coñecer, ti non te cortes á hora de seguir aqueles usuari@s cos que te vaias cruzando polo camiño. Co tempo, e a medida que vaias coñecendo máis xente, xa chegará o momento de filtrar e seguir só a aqueles que realmente che interesen. Agora o que nos interesa é que saiban que xa estamos aquí e ver “vida” na web
3.- Segue as contas de Deckarz e LegnaLof, os dous ‘capos‘ de Cabozo Aínda que adoitan andar todo o día por aí de sarao en sarao con Mark Zuckerberg e compañía juju (mira que rachan do Facebook pero ao final…) é o que ten compartir ser mozos e ricos ¬¬ xa sabedes, deus críaos e eles… O caso é que ninguén mellor ca eles coñece Cabozo e nalgún momento entre festa e festa pode que vos boten unha man e axúdenvos a sacarvos dalgún aperto cabozeiro. Se por agora non te cruzaches con eles podes buscalos no buscador de Cabozo que atoparás na opción “usuari@s de cabozo/búsquedas“. Escribe os seus nomes de usuario (individualmente) e dalle a “enviar“. Accederás aos seus Taboleiros e dende aí pódelos seguir. Tamén recomendo seguir outras contas de Cabozo como AchegasCabozo ou Xeolocaboza.
4.- Segue os usuari@s máis activos de Cabozo. É recomendable, sobre todo ao principio, seguir os usuarios máis activos da web. A forma máis doada de facelo é, de novo, dende a opción “Usuari@s de Cabozo/Búsquedas” onde ao acceder veremos un Ranking de usuarios por Karma (indicador do nivel de actividade dun usuario en Cabozo). Picando sobre os seus nomes accedemos aos seus Taboleiros e dende aí poderémolos seguir como sempre en “seguir usuario“.
5.- Segue os usuari@s da túa vila, cidade, provincia… ou dunha determinada localidade. Outra vez en “Usuari@s de Cabozo/Buscas“, no buscador que comentei antes, marcando agora previamente a opción “cidade“, escribe o nome da localidade a buscar, por exemplo Viveiro e dalle a “enviar“. Aparecerán todos os usuarios que facilitaron ese dato na configuración da súa conta. Picando sobre as súas imaxes de usuario accedes tamén aos seus Taboleiros. Unha vez aí, xa sabes como seguilos.
6.- Non deixes de pasar por algúns dos xa máis de 120 grupos públicos existentes en Cabozo. Participa nestes grupos achegando contidos, comentando, etc. Hai grupos de diferentes temáticas: noticias, deportes, fotografía, coches, música, vídeos, sexo (hai máis grupos, eh! A ver se agora vas pasar aquí todo o tempo ) cine, saúde, comida, curiosidades, mascotas, ecoloxía, viaxes, motos, tecnoloxía, redes sociais, praias, vídeos, etc. Únete aos que che parezan máis interesantes e poderás coñecer xente cos mesmos intereses ca ti.
7.- Sácalle partido a “Arredor“, o novo servizo de xeolocalización que estreamos no renovado Cabozo. Como? Moi doado! Busca ou, se non a hai, crea a marca dese local, esa praia, restaurante, negocio, etc. que tanto che gusta e coñece xente coas mesmas preferencias ca ti de entre os que vaian comentando esas marcas (localizacións de puntos de interese creados polos propios usuarios)
8.- Pasa sempre que poidas polas “Cabozadas“. Deixei as Cabozadas para o final por ser un dos sinais de identidade de Cabozo e pola súa importancia no funcionamento global desta rede social.
As Cabozadas é algo que non teñen nin Twitter, nin Tuenti, nin Facebook, nin Google+… Podemos dicir que é o grande escaparate de Cabozo ou ese gran patio de veciños que toda comunidade ten. O nexo de unión de todos os usuarios cabozeiros. O que non pasase polo menos unha vez polas Cabozadas non é ninguén en Cabozo
A principal característica desta ferramenta é que aquí poderás coincidir e dialogar, mediante mensaxes curtas de non máis de 140 carácteres, con calquera usuario rexistrado en Cabozo, sígalo ou non, sígate ou non. E ademais todo o que aquí escribas ou enlaces pode ser visto por calquera outro usuario rexistrado en Cabozo.
Se analizas ben o que acabo de comentar verás o enorme partido que se lle pode sacar a esta opción de Cabozo facendo un uso intelixente da devandita ferramenta.
Tags: cabozo, communitymanager, galega, galicia, gallega, hombre, invisible, manual, mujer, rede, redes, redessociais, redessociales, relacionarte, segue, seguir, social, socialmedia, titorial, usuarias, usuarios
febrero 12th, 2012 at 19:16
Temos o mellor Community Manager do mundo mundial…