Archive for the ‘cabozo’ Category

Cabozo volve as súas orixes e convértese, de novo, nunha web privada á que só se poderá acceder por convite. Explicamos os motivos

Viernes, enero 28th, 2011

convite

Pois si! Tras dous anos na rede galega estamos reformulándonos seriamente se paga a pena seguir ou non con este proxecto… Manda carallo! Que difícil é encontrar adeptos en Galicia sen SocialEngine de por medio! :D Cremos que Cabozo é unha web desaproveitada para o que ofrece, que o uso que se lle dá, a nosa única motivación para seguir adiante, empeza a non compensar o enorme esforzo e as moitas horas de dedicación que require sacar adiante un proxecto como este. E vemos con certa resignación como a sociedade galega non acaba de apostar, ademais de polas redes sociais internacionais, pola única rede social propia, orixinal e na súa lingua.

cbzleisinde

Ante esta orquestra… digo ante este panorama :) optamos por recuperar a filosofía inicial de Cabozo, que pasa a ser de novo unha web privada, esperando non ver na web, nestes próximos 4 ou 5 meses, unha actividade parecida ao resultado da aplicación da Lei Sinde :P que nos obrigue finalmente a reorientar o proxecto a “mercados máis agradecidos” ou… a abandonalo definitivamente, opción esta última que sería a que máis pena nos daría pero a única que nos aseguraría mellorar o noso poder adquisitivo :)

burramiavoz

Se algo si temos claro despois de todo este tempo, ademais de saber o perigosos que poden chegar a ser os parvos motivados (véxase senón o exemplo dese que a lía pervi, digo parda :D cada vez que lle deixan escribir sobre tecnoloxía nese xornal que di dar Voz a Galicia :) ), é que Cabozo non pode nin debe vivir nin do tráfico da web (máis que aceptable para ser unha web que require de rexistro obrigatorio) nin do número de usuarios rexistrados, máis de 3.500. De que serve unha rede social con moitos usuarios pero que apenas participen? Nós cremos que para nada salvo para darlle algo que copiar e pegar ao maior troll-eiro :D galego de todos os tempos… e para iso quedamos na casa coloreando coas nosas pinturas da marca TiTantoSabesAzlotuz :)

userscabozo

Cremos polo tanto que a principal consecuencia de “privatizar” Cabozo (Non, non! Tranquilos que non nos vendemos a ese partido político que todos estades a pensar… :D ), que agora só se poida acceder á web mediante convite, non só non ten porque ir en contra do desenvolvemento futuro de Cabozo, como algúns poden pensar, senón que debería servir como un elemento dinamizador da actividade dos actuais e futuros usuarios, e polo tanto da verdadeira razón de ser deste tipo de webs: a participación.

Con esta medida podemos, por un lado, minimizar o máximo posible o rexistro masivo de usuarios (normalmente motivados por marabillosas :D publicacións na prensa sobre Cabozo :P canto sensacionalismo mimá!) que chegan “por botar unha ollada” e sen tempo nin ganas para coñecer o que realmente lles pode ofrecer a web, desaparecen para sempre. O problema deste tipo de rexistros xa non é que non acheguen nada ao proxecto, senón que por descoñecemento, poden chegar a dar unha imaxe irreal e negativa do que verdadeiramente é Cabozo.

senscionalismoprensa

Queremos que a maioría dos futuros usuarios cheguen a Cabozo por algún tipo de vínculo con usuarios da web (amizade, “colegueo”, proximidade…)

Por outro lado cremos que adoptando esta medida convertemos os nosos usuarios, aínda máis, nos verdadeiros xuíces do futuro de Cabozo. Agora só eles teñen o poder de decidir se queren que isto siga crecendo, invitando a xente comprometida e que participe activamente na web, ou non, invitando a usuarios sen ningún vínculo ou interese na web ou, simplemente, non invitando (recomendando) a web a ninguén.

1_android_eating_apple

Que che parece que na web hai moitos usuarios que falan alemán e son pro iPhone :P e a ti gustaríache que houbese máis usuarios que falasen inglés e fosen pro Android? :) Agora está nas túas mans! Ti decides quen entra en Cabozo!

Probablemente os que máis beneficiados saen de todo isto son os nosos Superusuarios :D ou usuarios máis activos, que agora teñen nas súas mans a capacidade real de decidir que vai pasar con Cabozo. Eles son a verdadeira esperanza deste proxecto e do uso que fagan durante os próximos meses dos seus novos “poderes” :) (os convites) dependerá en boa medida o futuro de Cabozo.

29806_1236311607_large

Con iso non queremos criticar os usuarios pasivos, que sempre serán necesarios en certa medida, para que os activos sexan o que son :D Difícilmente os usuarios activos poderíanse realizar sen pasivos…

convites2011

Como enviar convites?

Xa podes enviar convites dende a opción “Usuarios de Cabozo. Unha vez dentro atoparedes a ferramenta que permite enviar convites vía correo electrónico (pica para ver sobre a imaxe anterior). Cada usuario dispón de 5 convites.

E TI QUE OPINAS DE TODO ISTO? O principio do fin ou a fin dunha etapa?

ikiMap, RedeLibros e Cabozo no programa “A tarde” da Radio Galega

Miércoles, diciembre 8th, 2010

O pasado martes 7 de decembro Cabozo foi convidado a unha charla sobre redes sociais no programa “A Tarde” da Radio Galega, espazo presentado por Pepe Carreira.

radio-galega2
No devandito programa tamén interviñeron os responsables de ikiMap, servizo web galego para compartir mapas, e RedeLibros, a rede social galega do libro.

Pica sobre a imaxe adxunta para acceder ao enlace onde poderás escoitar as entrevistas. A parte dedicada a estas tres webs galegas empeza no minuto 32:50 (Se queredes pasar directamente ao espazo dedicado a Cabozo.com avanzade ata o minuto 41:30).

Tes conta en Twitter ou Facebook? Síguenos tamén alí!

Viernes, noviembre 19th, 2010

A nosa conta en Twitter:
cabosonotwitt

A nosa conta en Facebook:

cabozofaceblog

Selección de grupos simple

Jueves, julio 17th, 2008

A partir de hoxe poderase elexir entre dúas modalidades de selección dos grupos na páxina principal, múltiple e simple.

A múltiple é a de sempre cos checkbox e coa posibilidade de seleccionar varios grupos á vez. A simple esta feita con botóns radio e soamente podemos seleccionar un grupo de cada vez. A ventaxa da simple sobre a múltiple é que é moito máis rápido saltar dun grupo a outro e ver as súas mesaxes unha vez que o nome do grupo ponse en branco avisándonos de que hai unha nova.

Para cambiar do estilo múltiple ó simple ou viceversa, haberá que dirixirse os nosos “axustes” de usuario e ali poderemos cambialo.

Tamén agora cando hai un novo comentario nunha foto, a palabra “Album” porase en gris e cando facemos click sobre ela levaranos directamente a foto co comentario en cuestión.

Espero que vos sexan útiles estas novas funcións no noso Cabozo. Saudiños.

“Estilo foro” para os grupos

Lunes, julio 14th, 2008

Acabo de rematar de programar unha nova funcionalidade para Cabozo, o “Estilo foro”.

¿E qué é iso?.Pois ben, agora ó crear un novo grupo ou cando o creador acceda os axustes dun, aparecerá unha nova opción “Estilo foro”.Se se marca a “Si” na páxina principal de mesaxes non se amosaran as respostas correspondentes as mesaxes, senon que haberá que clickear no número de respostas (debaixo da mesaxe) que ten a mesaxe para acceder a conversación enteira.

Desta maneira teremos acceso os distintos temas de conversación e as súas respostas dunha maneira moito mais sinxela e ordenada, moi útil se se queren crear fios de discusión e acceder a eles fácilmente dende a páxina principal de mesaxes.

Novo logo

Sábado, julio 12th, 2008

Hoxe pola mañá decidinme a facer un pequeno logo para Cabozo. Está feito co programa Inkscape. Collín a fotografía dun cabozo e usandoa como base debuxei trazos sobre ela ca ferramenta pluma, conseguindo a figura desexada. Non e a oitava maravilla do mundo pero creo que tampouco quedou tan mal :P .

Ademáis editei tódalas imaxes ca palabra cabozo da web quitándolles a sombra, co que creo que quedan moito mellor.

Cabozo xa está en galego!

Miércoles, junio 25th, 2008

Hoxe por fin decidinme a traducir Cabozo ó galego. Ó principio a miña idea era de crear plantillas en diferentes idiomas (español, inglés e galego) e dependendo da configuración do navegador amosar Cabozo nun idioma ou outro. Pero hoxe pola mañá decidín traducilo soamente ó galego (mais que nada porque non tiña moitas gañas de facer as plantillas de idiomas :P ).

Pois iso, Cabozo ó fin en galego para os galegos :) .

Función “View attachments”

Jueves, junio 5th, 2008

Engadín unha nova funcionalidade a Cabozo. Agora poderanse consultar e descargar todos os arquivos que se levan achegado nas mensaxes dun xeito máis cómodo.

Ao picar sobre “View attachments“, darásenos a opción de elixir o grupo do cal queremos ver todos os seus arquivos adxuntos. Unha vez seleccionado un grupo, mostraránsenos os seus arquivos, o tamaño destes, o usuario que o engadiu e a data. Se clickeamos sobre o nome dun arquivo, darásenos a posibilidade de descargalo.

Con esta nova función é moito mais doado atopar os adxuntos que ilos buscando entre todas as mensaxes dun determinado grupo.

Benvidos a Cabozo

Viernes, mayo 30th, 2008

Empecei coa idea de Cabozo a finais de Xaneiro deste ano. En principio chamábase Pantry e o tiña aloxado no meu ordenador. Durante mais ou menos tres semanas así estivo, ata que decidín contratar un hosting e un dominio. O dominio pantry.com xa estaba collido polo que ao final decidín chamalo cabozo.com. Sorprendentemente ese nome de dominio aínda estaba libre:).

¿E que é Cabozo?. Pois ben, eu son un galleguiño (de Viveiro) emigrado en terras xermanas e gústame estar en contacto cos meus amigos dá Galiza. Xa sei que existen diferentes formas de estar en contacto con alguén a través de Internet, pero entrárame o gusanillo de aprender a programar en PHP e decidín crear Cabozo, co cal intentar ter un lugar en Internet para charlar, compartir fotos, etc, dun xeito sinxelo cos amigos. Ademas desta forma podiamos ir creando unha web á nosa medida, engadindo as funcións que nos parecesen interesantes a todos.

Ao principio en Cabozo (aínda Pantry) soamente se podían crear grupos e enviar mensaxes. Pouco a pouco fóronselle engadindo novas funcionalidades: álbum de fotos, mensaxes privadas, mensaxes favoritas, eventos de grupo, achegar arquivos, etc. Seguramente pódese facer moito mellor, mellor programación, deseño, pero hoxe en día Cabozo cumpre con creces o seu obxectivo. Cabozo esta aberto a todo o mundo, calquera persoa pode rexistrarse, crear o seu propio grupo ou unirse a un xa existente.

A interface de Cabozo está inglés.¿Porque en inglés??, pois porque teño uns cantos amigos por estas terras xermanas, que o utilizan, os cales non entenden o español. Próximamente traducireino ao español e ao galego. Neste blog irei escribindo sobre todo o relacionado con Cabozo.

Pois nada máis, este foi mi primeiro post no blog e espero que non sexa o último:) . Anímovos a unirvos a Cabozo :)