A evolución das páxinas de inicio de Cabozo
Miércoles, septiembre 28th, 2011(Lectores no gallegos pinchar aquí)
Co novo deseño da web esperando á volta da esquina aproveitamos para facer un pequeno repaso á historia de Cabozo recordando as distintas páxinas de inicio que tivo durante estes anos. Ademais presentamos a que será definitivamente a próxima “portada”.
Se hai algo pouco coñecido de Cabozo é que cando xurdiu este proxecto a finais de 2007, Antonio Mariño (Deckarz) bautizouno como Pantry (despensa, en inglés) denominación que mantivo unhas poucas semanas. Como podedes ver na imaxe superior, a pantalla de inicio de Pantry xa adiantaba os característicos tons laranxas de Cabozo ademais das cores e o tipo de fonte do futuro logo de Cabozo.
En xuño de 2008, despois duns meses nos que a web estivo redactada integramente en inglés para facilitar o seu uso a usuarios alemáns, outra das curiosidades de Cabozo, decídese traducir a web ao galego. Na imaxe superior podedes ver o que consideramos a primeira portada de Cabozo xa redactada integramente en galego e uns meses antes de iniciar a súa aventura pública na rede galega.
En marzo de 2009, aberta xa ao público galego, sendo Ángel Folgueira (LegnaLof) o principal impulsor da devandita apertura, a páxina de inicio recibe unha importante mellora gráfica grazas á colaboración de Fausto Cora. Ata agora esa é a portada de Cabozo que máis tempo permaneceu como páxina de inicio da web e probablemente a máis popular para moitos usuarios. Por primeira vez o característico cabozo (hórreo) do logo adquire maior presenza na portada como podedes ver na imaxe superior.
Tras a decisión de limitar o rexistro de novos usuarios unicamente a convite e para facilitar o uso crecente da web dende smartphones, en xaneiro de 2011 decídese cambiar a páxina de inicio por unha versión minimalista. Como curiosidade podemos dicir que é a primeira portada de Cabozo que non conta coa opción para darse de alta libremente na web e a primeira que co tempo acabou incorporando utilidades como o Tabomobil (versión móbil da web) ou Arredor (xeolocalización en Cabozo).
En Maio de 2011, durante as mobilizacións cidadás do 15M, decídese modificar a portada de Cabozo para crear unha versión especial que dese cobertura en tempo real ás principais acampadas galegas e á #acampadasol. Esta versión da portada aínda é accesible dende aquí.
E finalmente, esta será a próxima páxina de inicio da web. A imaxe do futuro Cabozo que en breve dará un importante salto de calidade no apartado gráfico grazas a un deseño acorde, por fin, ao enorme potencial desta rede social