Posts Tagged ‘atrapados’

¿Atrapad@s na rede? Cabozo nas II Xornadas da Mocidade Galega

Domingo, abril 17th, 2011

xornadasmng

Este pasado mércores celebrouse en Compostela, na Facultade de Ciencias Políticas, a mesa de debate ¿Atrapad@s na rede? con motivo das II Xornadas da Mocidade Galega na que interviñeron como relatores Pablo Belay (Chuza!), María Yañez (A navalla suíza) e Ánxel Folgueira en representación de Cabozo.

Dende Cabozo agradecemos, por ser cada día menos habitual, que os organizadores do evento contasen connosco sendo este un proxecto totalmente independente e á marxe de calquera posicionamento político.

A mesa “¿Atrapad@s na rede?” que formulaba un tema tan de actualidade como atractivo quizais puido dar máis xogo de terse centrado algo máis no debate sobre a temática formulada e non tanto na exposición de proxectos.

myanezxor

María Yañez, que foi a primeira en intervir, realizou un repaso aos proxectos máis destacados desenvolvidos pola empresa galega A Navalla suíza, entre outros falou de GalegoLab, EufaloTv ou o recentemente desaparecido FlocosTv.

Pablo Belay centrouse en dar a coñecer o proxecto Chuza! aos universitarios asistentes ao relatorio e formulou algunhas das razóns polas que podemos estar atrapados á rede.

Anxel Folgueira, en representación de Cabozo, tras falar das orixes da rede social galega da man de Antonio Mariño, comentou que efectivamente, como se chegou á conclusión no debate previo formulado entre os usuari@s de Cabozo, os mozos galegos e doutras partes do mundo están atrapad@s á rede. Deixou entrever a súa preocupación ao ver que a pesar diso os galegos non acaban de apostar pola rede galega, especialmente polas ferramentas creadas en galego e formulou as seguintes preguntas: “a rede galega en galego ten futuro? Ten sentido? Realmente ten audiencia?

Pablo Belay respondeu cun “Eu a rede galega véxoa nunha situación bastante crítica e crítica porque os grandes medios como Facebook, Twitter ou Tuenti acaparan a maioría da audiencia. Despois… vantaxes que ten o local sobre o global? Moitas!

Belay tamén formulou que moitos dos proxectos galegos, como Chuza ou Cabozo, adoitan ser proxectos desenvolvidos por asociacións ou individualmente e moitas veces sen a capacidade de “publicitarse” como poden ter iniciativas profesionais, polo que dixo que “realmente eu vexo complicado poder competir a nivel galego con eses ‘monstros’

María Yañez comentou que non vía mal que houbese presenza galega en Facebook ou Twitter e que moita xente, aínda que a ela non lle parece nin ben nin mal, tampouco entendía por que hai que localizar todo e por que hai que facer versión galega de todo: “Se Twitter é o sitio e Facebook é o sitio esteamos alí, participemos alí e fagamos ruído alí“.

A pesar diso Yañez criticou que moita xente utilizase Facebook como única rede e que para moita xente internet só sexa Facebook cos perigos que isto pode ter ao ser unha web “pechada” dunha empresa privada.

cabozo_logo

Ante a opinión de María Yañez, Ánxel Folgueira defendeu que Cabozo non é unha adaptación dunha idea de fóra, senón que é outra proposta de rede social, orixinal, coas súas peculiaridades e “en clave galega” e formulou que en Galicia non podemos ir sempre a remolque dos proxectos que nos chegan de fóra dando a entender que se a mentalidade galega fose a de coñecer, valorar e apostar polos proxectos galegos en lugar de mirar só ao que vén de fóra ao mellor algún día ese sitio onde hai que estar, participar e facer ruído é un proxecto con orixe galega.

Os asistentes ás Xornadas puideron validar a súa asistencia por 1 crédito de libre elección.