Subir imaxes ao Taboleiro dende un iPhone (iOS) e non morrer no intento
Sábado, abril 30th, 2011(Lectores no gallegos pinchar aquí)
Os posuidores dun iPhone ou doutro aparello co Sistema Operativo iOS de Apple, atopámonos con que nas webs onde se dá a opción de subir algún arquivo ou imaxe, o botón da devandita función aparece desactivado no Safari Mobile.
Isto mesmo pásanos se queremos subir unha imaxe ao noso taboleiro dende o Tabomobil de Cabozo onde tamén veremos o botón “Seleccionar arquivo” desactivado:
Debido a isto, e a que tamén Deckarz é usuario de Apple, como varios dos usuari@s de Cabozo, púxose a buscar unha solución e atopou estas dúas:
1.- SOLUCIÓN DE PAGO (Serve para Cabozo e outras webs):
A opción máis sinxela e a máis práctica. Só teredes que descargar o navegador iCab Mobile (Web Browser) e usalo como calquera outro. Iso si, pasando antes por caixa e desembolsando 1,59 euros Como vedes na captura o botón “elixir arquivo” aparece activo e funcional e deixará seleccionar fotos do “carrete”:
2.- SOLUCIÓN GRATUÍTA (Só serve para Cabozo):
Solución específica para Cabozo que, aínda que non é tan cómoda como picar simplemente no botón de subir imaxe, polo menos dános a posibilidade de esquivar este pequeno inconveniente de forma gratuíta.
O primeiro que debemos facer é baixar a seguinte App gratuita da Apple Store, Picup
Como a App ten acceso ao “carrete” de fotos o que facemos con ela é subir a imaxe a un servizo intermedio de aloxamento de imaxes, neste caso imgur.com
Unha vez subida a imaxe atopámonos co seguinte resultado:
Indícanos que a imaxe foi subida correctamente e dános o enderezo remoto onde se atopa. Este enderezo é o que nos interesa a nós. Copiámolo da App, imos ao taboleiro e pegámolo no recuadro de escribir a mensaxe. Continuamos escribindo a mensaxe normalmente e dámoslle a “enviar“. Unha vez enviada a mensaxe vemos como a imaxe xa aparece publicada no taboleiro.
O truco é que o Taboleiro de Cabozo recoñece ese enderezo remoto do servizo de aloxamento de imaxes e sabe que ten que obter unha imaxe. Conectase co servizo de aloxamento de imaxes e copia a Cabozo tanto a miniatura coma a version “grande” da imaxe subida.
Aínda que o servizo de aloxamento de imaxes (imgur.com) borra as imaxes se estas non son vistas polo menos unha vez en 6 meses no seu propio dominio, isto a nós non nos importa pois Cabozo xa as ten copiadas no seu servidor.
Polo momento, e ata que ao tito Jobs non lle dea por activar os botóns do Safari Mobile para poder subir imaxes e arquivos directamente dende el, estas opcións e “truquiños” de Cabozo axúdannos a salvar o inconveniente.
Calquera dúbida vémonos por aquí ou en Cabozo!