Posts Tagged ‘red’

Seguimos traballando no novo deseño de Cabozo xunto á empresa lucense m-tic!

Martes, julio 5th, 2011

benvidafb

Pouco a pouco, o novo aspecto de Cabozo, máis atractivo e profesional, vai cobrando vida grazas á colaboración coa empresa lucense m-tic!

Comparativa entre o futuro e o actual deseño de Cabozo

Na imaxe superior podedes ver unha comparación entre o futuro e o actual aspecto da web, a falta dalgunha pincelada. Aquí deixámosvos algunhas capturas do que será o futuro aspecto da web.

Saúdos! ;)

Novo logo de Cabozo

En Lugo tamén están ‘indignados’: info e fotos da #acampadalugo na Praza Maior

Jueves, mayo 19th, 2011

(Lectores no gallegos pinchar aquí)

Indignados en Lugo

O movemento de “indignación” que se estende por todo o país chegou hoxe á Praza Maior de Lugo.

Unhas 200 persoas participaron na sentada de Lugo

Ao redor dunhas 200 persoas participaron nunha sentada xunto ao Concello para pedir cambios políticos e sociais.

Xentes de todas as idades déronse cita en Lugo

Xentes de todas as idades déronse cita na concentración de Lugo.

Pancarta coa lenta "Democracia real Xa"

Pancarta coa lenda “Democracia real Xa

Os lucenses non quixeron deixar pasar a oportunidade de mostrar a súa indignación

Os lucenses non quixeron deixar pasar a oportunidade de mostrar a súa indignación.

Unhas 100 persoas continuaban na Praza Maior sobre as 21 h.

Sobre as 21 horas, unhas 100 persoas continuaban na Praza Maior.

Zona de acampada na #acampadalugo

Zona de acampada na #acampadalugo.

Material para crear pancartas

Material para crear pancartas.

Mozos e non tan mozos se preparan para pasar a noite na #acampadalugo

Mozos, e non tan mozos, organízanse para pasar a noite na zona de acampada na Praza Maior de Lugo.

Fotos da #acampadalugo por Cabozo.com

Fotos da #AcampadaLugo por Cabozo.com, a rede social galega ;)

Segue as principais mobilizacións galegas en Cabozo. Webcams, noticias, tweets, fotos, vídeos, mapas… todo iso e máis na portada de Cabozo

Concellos da Costa da Morte crean unha guía para difundir o uso do galego na Rede

Domingo, mayo 15th, 2011

Os meus favoritos. Guía de enderezos de internet

Os concellos de Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas, a través dos seus servizos de normalización lingüística, acaban de editar a guía Os meus favoritos, un catálogo que recolle preto de 200 enderezos de sitios web en galego de ámbitos tan diversos como a banda deseñada, o deporte, o audiovisual, a información cultural, a mocidade, as redes sociais, os xogos, etc.

De Os meus favoritos editáronse entre os catro concellos 8.000 exemplares en papel, que serán distribuídos nos centros de ensino, edificios públicos, aulas de informática, asociacións, etc. Ademais, todas as persoas interesadas poden solicitalo no Servizo de Normalización Lingüística (SNL) dos catro concellos que impulsan a iniciativa. Ademais, a guía tamén se difundirá en formato dixital a través de webs e correo electrónico.

Os obxectivos desta iniciativa son facilitar o descubrimento e o coñecemento do ciberespazo en galego, vencellar a lingua galega con novos e modernos espazos de uso, concretamente na rede e nas novas tecnoloxías, e contribuír á difusión da información de todo tipo na nosa lingua.

Cabozo é unha das webs que aparecen na guía

Agradecemos aos impulsores desta iniciativa que incluísen a Cabozo na guía ;)

Entrevistamos a Lambereteira e Breogahn, os usuari@s cabozeiros do momento.

Jueves, mayo 5th, 2011

Fiestra e TTV foron os anteriores usuari@s destacados

Por primeira vez dende que incorporamos esta sección a Cabozo, adiantamos no noso blog as entrevistas aos “Usuari@s destacados”. Estas entrevistas que vimos realizando dende hai tempo, sen unha periodicidade fixa, serán publicadas a partir de agora tamén por aquí.

Esperamos que vos resulten interesantes e que sirvan para dar a coñecer un pouquiño máis este proxecto.

Inauguramos esta sección no blog coas entrevistas a Lambereteira e Breogahn que collen o relevo de Fiestra e TTV. Aí van: :D

Taboleiro público de Lambereteira en Cabozo

ENTREVISTA A LAMBERETEIRA:

1.- Ola Lambereteira! Que tal? Filóloga, de Sarandón, amante da natureza… Como chegas ata Cabozo?
Teño desde hai algo máis de tempo que a miña conta en cabozo (non moito máis) unha conta en Facebook (coma case todo quisque, jeje) e teño agregadas varias publicacións en galego. Nunha delas, agora non recordo ben cal, entrei e había unha nova sobre Cabozo, describíndoo como rede social galega. Entón dixen, xenial! hai que participar aquí. E así foi como abrín a miña conta.

2.- Cal foi a túa primeira opinión da web?
Pois pareceume un pouco diferente do Face, por suposto, sobre todo a posibilidade de entrar en contacto con outros usuarios por medio das Cabozadas, que me pareceu fantástico. Aí foi onde me sentín xa moi a gusto desde o primeiro día, pola boa acollida. E, como teño dito algunha vez máis, o ambiente sinxelo, familiar, agradable, da xente que está en Cabozo, foi o que máis me gustou desde un principio. As posibilidades de interactuar con outros usuarios parécenme máis amplas que noutras redes.

3.- Por que o teu nome de usuaria?
Pois a verdade, non sei moi ben. Pensei algo, por suposto, en galego. E ó mellor que tivera que ver un pouco co meu carácter tímido e extrovertido a un tempo :) jeje. E tampouco quería un apodo que fose exactamente o meu nome, iso resultábame máis aburrido. Eu que che sei, aquel día tiña un día simpático, jajaja.

4.- Hai algo que che achegue esta rede social que non poidas atopar en redes como Twitter ou Facebook?
Pois, como dicía antes, a posibilidade de conversar directamente, abertamente, con xente nas Cabozadas, sen que nos coñezamos de nada a maior parte das veces. Eu non tiña coñecidos na rede e axiña me sentín a gusto. O intercambio de opinións sobre diversos temas é moi fluído e moitas veces moi divertido e satisfactorio. E pouco a pouco, teño que dicir, pois vas tamén facendo bos amigos/as. É coma estar no bar parolando cos veciños. Iso non o hai no Face, que eu saiba. E ademais podes acceder a información actual ou interesante por medio dos demais usuarios e das posibilidades da propia rede. Os grupos tamén son unha opción moi interesante para intercambio de opinións, ideas, gustos, etc. Diría que, dentro do tamaño da rede, a comunicación é á vez de ti a ti e ó mesmo tempo global. Iso tampouco o atopei no Twitter. Penso que cada unha destas redes ten filosofías e finalidades diferentes. Tamén creo que é moi salientable a posibilidade de interactuar cos creadores/xestores da rede, de forma que Cabozo se vai construíndo e transformando pouco a pouco tamén contando cos usuarios. Esta rede está viva!!

5.- Que opción de Cabozo é a que máis che gusta?
Creo que é evidente que as Cabozadas, non? jeje

6.- Botas algo de menos no actual Cabozo?
Pois a verdade é que non levo demasiado tempo. Dos cambios que houbo ata agora, desde que eu son usuaria, quizais o máis salientable foi que non se poida agora abrir unha conta sen ser convidado. E polo demais, aínda non lle saquei á rede todo o proveito que podería, por desgraza, por falta de tempo.

7.- Como recomendarías esta rede social a unha persoa que non coñecese esta web?
Pois falándolle da miña experiencia positiva e de todas as facilidades que ofrece esta web que eu non lle atopo a outras redes. Creo ademais que o feito de que a rede sexa galega debería ser un plus para todos os que vivimos en Galicia, xa que é algo “noso”, independentemente de que a súa lingua de comunicación habitual sexa o galego ou non.

8.- Entenderías que Cabozo tivese que deixar de ser unha web exclusivamente galega para poder subsistir?
As redes sociais tenden a expandirse. Eu non creo que sexa incompatible que este proxecto sexa á vez galego e internacional, mentres se manteña nos seus principios. O que si non me gustaría é que o proxecto deixe de ser galego no sentido de que a forma de ser de Cabozo e a súa lingua principal de comunicación deixe de ser “galego/a”.

9.- Se de ti dependese, que medida ou medidas adoptarías para que a sociedade galega apostase aínda máis por esta rede social?
Por desgraza creo que non hai unha fórmula para conseguir iso. Seguramente unha maior publicidade, unha proxección máis externa, e con iso refírome a estar máis presentes noutras webs, e o boca a boca dos usuari@s.

10.- Gustaríache comentarnos algo máis?
Que todos sigamos con moito ánimo e apostando por algo que é xenuino e que aínda ten moito, moito que aportar!!

Taboleiro público de Breogahn en Cabozo

ENTREVISTA A BREOGAHN:

1.- Ola Breogahn! Como vai? De Queiruga, lobo de mar, fumador empedernido, deportivista confeso, amante dos praceres da vida e sobre todo, jolfo pechabares! Como chega un jolfo pechabares ata Cabozo? Agora mesmo non lembro moi ben pero coido que foi nun deses días que ando de julle-julle pola rede. Non sei se foi nunha web, lendo unha noticia ou unha entrada nun blogue. Non sei se é que me está a empeza-lo alzheimer ou é producto de saír tanto de festa :D O caso é que por moitas voltas que lle dea ó tarro non consigo lembrarme :S

2.- Cal foi a túa primeira opinión da web? De principio cando entrei e vin o faladoiro grupal (Cabozadas) dixen eu “MIMÁ, LLOU!!! Se xa falando cunha persoa as veces é un caos, con tod@s debe ser unha auténtica bacanal! Non vou tardar en escarallarme vivo:D Foi todo ó contrario e a verdade que é moi gratificante atopar e trocar diferentes ideas. Nunha palabra: pluralidade.

3.- Por que o teu nome de usuario? Antes non paraba de troca-lo meu nick, e un día, estaba a ler sobre a lenda de Breogán, o rei celta que temos no noso himno, que ten unha estátua preto da torre de Hércules e que resulta que temos en común cos irlandeses. Eles escríbenno “Breogahn” (creo que en gaélico), así que adoitei coller esa forma de escribilo xa que non é usual atopálo escrito deste xeito.

4.- Hai algo que che achegue esta rede social que non poidas atopar en redes como Twitter ou Facebook? A verdade é que sí. En dúas palabras: proximidade e familiaridade.

5.- Que opción de Cabozo é a que máis che gusta? Agora mesmo, os derradeiros trocos que houbo. Tanto o Tabomóbil para Android como a Xeolocalización e a posibilidade de subir fotos xelolocalizando éstas últimas.

6.- Botas algo de menos no actual Cabozo? Só unha cousa. A posibilidade de falar con alguen en particular sen ter a necesidade de mandarlle un privado.

7.- Como recomendarías esta rede social a unha persoa que non coñecese esta web? Vaia prejunta tes, meu rei!… Diríalle que os datos dos usuari@s só lles pertencen a eles (non coma noutras redes sociais); que é unha rede social “jalleja de pura sepa“, unha mestura de Facebook e Twitter e que probe que ha de gustarlle (mentes pervertidas xa vos estou vendo!).

8.- Entenderías que Cabozo tivese que deixar de ser unha web exclusivamente galega para poder subsistir? Por suposto que o entendería. Un blog ou unha web poden ser, de principio, unha forma que ten o titular do mesmo de pasa-lo tempo. Se ten moitas visitas, pódese un plantexar a posibilidade de ser un complemento ó salario, ou como moito, vivir diso. Unha rede social é unha empresa. Se as cousas funcionan ben, mellor para os usuarios, os empregados da mesma e por suposto, a empresa.
Dende que cheguei a Cabozo, non parou de medrar. Se para que Cabozo teña que expandirse e con iso significa “ser un pouco menos galego” sen ter que renunciar a súa identidade e filosofía (e po-lo tanto que vaian as cousas vento en popa) particularmente opino que Cabozo ten o deber de facer ese “sacrificio“. Se un pon cartos do seu peto para aguantar ou ten pérdidas, é mellor pecha-la porta e tan amigos coma sempre.

9.- Se de ti dependese, que medida ou medidas adoptarías para que a sociedade galega apostase aínda máis por esta rede social? Cando un estadounidense ten un proxecto que se ve que vai furular o resto da xente dille: “Oh, que boa idea! Cara adiante, neno“. Se non e tan boa a resposta e semellante a: “Imos alá! Veremos que pasa“.
En Galicia temos tal complexo de inferioridade que non é normal. Non me extrana que nos invadisen os romanos. Valoramos máis o de fóra co noso. Temos empresas que son pioneiras ou o foron nos seus respectivos sectores (Pescanova, Frinsa, Jealsa-Rianxeira, Rodman, Navantía, Blusens ou Inditex por poñer uns exemplos). Temos exactamente o mesmo cos de fóra así que xa é hora de que nos poñamos as pilas dunha vez e deixemos nun currucho ese complexo tan absurdo.
A todo isto, estoume a lembrar de dous rapaces cataláns que idearan un sistema para deixar arquivos na rede para así non estar obrigados a ter que telos aloxados no ordenador. Os seus achegados dixéronlles que se deixaran de parvadas e que seguisen estudiando. Un tempo despois, Google, Apple & cia lanzaron unha cousa chamada “cloud computing (computación na rede) na que un podía deixar os seus arquivos na rede.

10.- Gustaríache comentarnos algo máis? Sí. Canto dixeches que me ías pajar pola entrevista, ho? :P Acéptase tamén pagos en forma de barrís de cervexas, ron, whisky e semellantes ou aljún que outro xabarín para papar ;) :D :D

O servizo de xeolocalización de Cabozo abre un mundo de novas posibilidades aos seus usuari@s

Sábado, abril 30th, 2011

(Lectores no gallegos pinchad aquí. Versión no actualizada)

Arredor, o novo servizo de xeolocalización de Cabozo

Arredor, o servizo de xeolocalización de Cabozo, permite  compartir con outros usuari@s sitios de interese (aloxamentos, praias, festas, eventos, restaurantes…) mediante a súa localización e deixar comentarios nas localizacións que compartan outros usuarios :) Ademais, para unha maior difusión, calquera poderá acceder libremente a estes sitios de interese dende a portada de Cabozo.

Queres deixar constancia do lugar exacto onde sacaches a foto dese sitio tan espectacular? Dar difusión ao teu negocio? Mostrar a túa localización para facilitar o contacto con usuari@s cabozeiros que se atopen na mesma zona ou para ver puntos de interese próximos a ti? Gustaríache poder recomendar a outros usuarios ese bar onde dan esas tapas tan ricas? Ou esa casa rural onde pasaches as túas vacacións ? Ou esa praia da que tanto gustas? Gustaríache crear e compartir puntos de interese da túa localidade cos cabozeiros que visiten a túa vila ou cidade? Pois todo isto e moito máis xa é posible en Cabozo! :D

Vexamos agora con máis detalle as posibilidades que ofrece este servizo tanto para os usuarios rexistrados como para os que aínda non teñen conta en Cabozo…

OPCIÓNS DISPOÑIBLES PARA OS USUARIOS REXISTRADOS

Xeolocaliza as mensaxes que compartes no teu taboleiro

- Xeolocaliza as mensaxes do teu taboleiro para crear, por exemplo, notas e recordatorios, baseados na túa localización: Agora xa podes xeolocalizar calquera mensaxe que compartas no teu taboleiro. Mensaxes que poden ir acompañadas de fotos, vídeos, ligazóns, arquivos… Cando vaias enviar unha mensaxe, poderás marcar a opción “Xeolocalizar(xusto debaixo do sitio reservado para o texto das mensaxes, ver imaxe anterior) que abrirá unha xanela onde aparecerás xeolocalizado (se permites o acceso ao navegador). Unha marca “C“  indicará a túa localización actual. Picando sobre esa marca pódela arrastrar por se queres axustar a túa localización ou por se queres localizar algo estando nese momento nun lugar distinto.

Visita a posteriori todas as túas mensaxes xeolocalizadas

Posteriormente poderás acceder dende o teu taboleiro a todas as túas mensaxes xeolocalizadas dende a icona que podes ver na imaxe anterior. O número que aparece á súa dereita indica o número de mensaxes que localizaches. Se picas sobre as distintas marcas verás o texto das mensaxes e as fotos, ligazóns, etc. adxuntas as mesmas (ver imaxe anterior).

- Xeolocaliza e comparte puntos de interese co resto de usuari@s: Dende a icona “Arredor” que atoparás no teu taboleiro (ver na imaxe inferior) podemos, entre outras cousas, localizar e compartir puntos de interese co resto de usuari@s.

Teremos que permitir ao navegador compartir a nosa localización

Ao picar sobre a devandita icona aparecerá unha mensaxe do navegador para permitir compartir a nosa localización (salvo que previamente a marcaramos por defecto. Ver imaxe anterior). Se aceptamos abrirase unha xanela onde aparecerá a nosa localización.

Temos que crear marcas para poder localizar sitios de interese

Xusto encima veremos tres opcións (ver imaxe anterior), entre elas,  “Nova marca” que é a opción sobre a que picaremos para crear unha nova marca (sitio de interese).

Exemplo de creación de marca e localización dun sitio de interese, neste caso a muralla de Lugo

Cando creamos unha nova “marca” dun “sitio de interese“, para compartir co resto de usuari@s de Cabozo, temos 1.500 caracteres para incluír unha descrición. Ademáis podemos engadir unha ligazón (que para que se publique correctamente deberá ir desta maneira [url]enlace[/url]) e/ou achegar unha imaxe. No mapa temos que situar a marca “C” no lugar adecuado, xogando co zoom e picando sobre ela. Unha vez situada a marca escollemos unha categoría en “Elixe tipo de marca” de entre as existentes: aloxamento, bar, comercio, evento, festa, interese, praia, restaurante… (ver imaxe anterior). Finalmente darémoslle a “Enviar” para publicar e compartir o sitio de interese que xa poderá ser visitado.

Se queres, podes borrar ou editar as marcas ou sitios de interes creados

Podemos editar ou borrar todos os sitos de interese que cremos, na opción “As miñas marcas(ver imaxe anterior)

- Visita as “marcas” ou “sitios de interese” creados por outros usuari@s: Dende o noso taboleiro, entrando na opción “Arredor“, ademais de crear marcas ou sitios de interese como xa comentamos, podemos ver e comentar os sitios de interese que comparten o resto de usuarios de Cabozo.

Visita por categorías os sitios de interese que comparten o resto de usuarios

Para ver esas “Marcas” debemos escoller no desplegable situado encima do mapa da nosa localización unha categoría (ver imaxe anterior). Nese momento veremos as “marcas” que se crearon próximas á nosa localización na devandita categoría. Se nese lugar non aparece ningunha podemos desprazarnos polo mapa para ver as máis próximas.

Pica sobre as marcas "C" para ver os sitios de interese

Xogando co zoom do mapa e desprazándonos por el podemos ver a “marcas” creadas en calquera parte do mundo. Como exemplo podedes situarvos na zona de Viveiro onde xa se crearon algunhas “marcas” a modo de exemplo na categoría “Interese“. Pica sobre as marcasC” para ver os sitios de interese.

- Como deixar comentarios nas “marcas” ou “sitios de interese” creados por outros usuari@s: Accedemos de novo aos “sitios de interese dende a icona “Arredor” do noso taboleiro como xa comentamos. Para comentar unha marca temos que picar sobre esta, e na xanela que se abre coa información, picar sobre o globo que aparece á beira do número de comentarios desa marca. Aparece así a versión estendida da mesma con todos os comentarios e o botón, arriba á dereita, “escribir mensaxe“.

Comenta e aporta información dos sitios de interese que comparten outros usuarios

OPCIÓNS DISPOÑIBLES PARA USUARIOS NON REXISTRADOS

Cabozo permite que calquera persoa teña acceso aos sitios de interese que compartan os usuarios de Cabozo. Agora ben, só os usuarios rexistrados poden deixar comentarios.

As personas sen conta en Cabozo poden acceder a "Arredor" dende a portada de Cabozo

Aquelas persoas que aínda non teñan conta en Cabozo deben acceder a “Arredor” dende a portada de Cabozo (ver imaxe anterior). Unha vez permitido ao seu navegador o acceso á súa localización, poderán empezar a explorar o mapa e a visitar os sitios de interese mesmo por categorías.

Calquera pode visitar os sitios de interese compartidos en Cabozo


Recordade que dende o Tabomobil, versión web de Cabozo para smartphone, tamén podedes facer uso dos servizos de xeolocalización de Cabozo mesmo disfrutar de funcionalidades exclusivas como as “Rutas” ;)

O Tabomobil evoluciona. Estreamos nova versión web de Cabozo para Smartphone

Domingo, abril 17th, 2011

Detectado un aumento significativo do uso de Cabozo dende o móbil, hoxe presentámosvos unha versión moito máis completa e avanzada do Tabomobil, a versión web de Cabozo para móbil.

tabomobil-inicio

Ata hoxe o Tabomobil só nos permitía enviar mensaxes ao noso Taboleiro e… nada máis.

A nova versión ofrécenos novas posibilidades e agora, ademais de poder enviar mensaxes ao noso Taboleiro, tamén podemos velos e respondelos. Podemos ver e responder as respostas que recibamos nos Taboleiros doutros usuarios, ver os Lox e acceder a eles, ver e responder as mensaxes privadas que recibamos e quizais o máis esperado, agora tamén podemos facer uso das Cabozadas.

tabipand

O enlace de acceso á nova versión do Tabomobil é o mesmo que ate agora, así que se xa o tiñas gardado como favorito dende hoxe accederás á nova versión ao entrar.

Se nunca fixeches uso del podes acceder co teu móbil dende este enlace e unha vez dentro gardalo en favoritos para telo sempre a man.

O primeiro que veremos ao acceder é unha sinxela pantalla de acceso onde se nos pide o noso nome de usuario e contrasinal. Outra das novidades é que agora nos gardará os nosos datos para non ter que andar meténdoos cada vez que entremos.

Unha vez dentro veremos a pantalla de opcións: “Meu Taboleiro“, “Nova mensaxe“, “Respostas“, “Lox“, “Cabozadas” e “Privados

tabomobil-opc

1.- Meu Taboleiro: Aquí podemos ver todas as entradas do noso Taboleiro. Se picamos sobre o texto das mensaxes veremos todas as súas respostas, debaixo das cales teremos a opción “Responder”. Na parte superior temos a opción “Volver”.

2.- Nova Mensaxe: Aquí podemos enviar unha mensaxe ao noso Taboleiro ao cal lle podemos achegar unha imaxe ou un vídeo YouTube (ata agora esta era a única opción que ofrecía o antigo Tabomobil)

3.- Respostas: Aquí vemos as respostas que recibimos aos nosos comentarios en calquera Taboleiro. Se picamos sobre o texto das mensaxes verémolo no seu lugar orixinal e poderemos responder. Esta opción márcanos o número de respostas pendentes. Só desaparecerán se picamos sobre elas para velas no seu lugar de orixe.

tabomobil-respostas

4.- Lox: Podemos ver as actualizacións daqueles usuari@s que seguimos, acceder a elas e comentar.

5.- Cabozadas: Funcionan exactamente igual que na versión normal.

6.- Privados: Aquí podemos ver as mensaxes privadas que recibimos e podemos respondelas ou marcalas como lidas. Para respondelas picaremos como sempre sobre o texto das mensaxes.

Por último vemos a opción Logout para desconectarnos.


ACTUALIZACIÓN:

Opcións Tabomobil

Engadida a posibilidade de xeolocalizar as mensaxes que enviemos ao noso Taboleiro e dúas novas opcións:

7.- Seguimentos: Dende aquí podemos acceder directamente ao Taboleiro daqueles usuari@s que sigamos.

Atopa puntos de interese compartidos por outros usuari@s

8.- Arredor: Esta opción de xeolocalización, permite ver as “marcas” ou “puntos de interese” que deixaron os usuari@s próximas a nosa localización ou ben buscar eses “puntos de interese” en calquera parte do mundo. As procuras faranse por categorías (interese, evento, restaurante, praia…).

MÁIS AQUÍ:

Aumentan as opcións de xeolocalización do Tabomobil coa inclusión das “Rutas”


Cabozo une esforzos con m-tic! para ofrecer un deseño innovador e profesional que mellore a experiencia de uso da rede social galega

Lunes, abril 4th, 2011

159lovb1

Se de algo fomos conscientes en Cabozo dende que empezamos esta aventura é que o deseño da web nunca estivo á altura das funcionalidades que ofrecía. Ter optado polo camiño máis difícil desenvolvendo totalmente dende cero unha web de tal complexidade, unido aos poucos medios dispoñibles, fixo que ata agora practicamente todos os nosos esforzos se centrasen en desenvolver o “motor” da web e facer visible este proxecto. Así que se algunha materia pendente tiñamos cos nosos usuarios era precisamente a de intentar dotar a Cabozo dun deseño que mellorase a súa experiencia de uso.

Hoxe, grazas ao acordo de colaboración alcanzado coa empresa lucense m-tic!, iniciamos a conta atrás para ofrecervos, o antes posible, un deseño innovador, profesional e acorde á gran comunidade cabozeira.

cbym2

Aínda que levabamos algún tempo recibindo propostas de colaboración, bastante insistentes por certo, dende fóra de Galicia (sorprendente!) alégranos especialmente poder colaborar con m-tic! ademáis de por ser unha empresa da terra, porque reúne varias das características coas que nos sentimos identificados en Cabozo sendo unha empresa formada por un equipo de traballo novo e dinámico, comprometido, creativo e ademais, con sobrada experiencia.


Cabozo invitado a participar nas II Xornadas da Mocidade Galega

Jueves, marzo 31st, 2011

internet

Ánxel Folgueira participará, en representación de Cabozo.com, na mesa redonda “Atrapad@ na rede?” onde tratará de dar o seu punto de vista sobre a base da súa experiencia no desenvolvemento da rede social galega. Xunto a el intervirán Pablo Belay e María Yañez representando Chuza e A Navalla Suíza respectivamente.

A intervención terá lugar o próximo mércores 13 de abril na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela, con motivo da celebración das II Xornadas da Mocidade Galega que se celebrará entre os días 12 e 14 de abril en Compostela e os días 29 e 30 do mesmo mes en Castrelo de Miño.

Debate sobre o galego nas TIC

Jueves, marzo 24th, 2011

Interesante* faladoiro sobre o galego nas TIC en Correo TV

Tedes máis información sobre os tertulianos en Código Cero

*Non estaba de máis fronte ao “descoñecido” Facebook algunha pequena mención as “archichoñecidas” mundialmente :D alternativas galegas, entre elas Cabozo, web redactada integramente en galego…

Xa podes difundir o contido do teu Taboleiro fóra de Cabozo! Como os TL de Twitter ou as páxinas de fans de Facebook agora podes “abrir o exterior” unha versión limitada do teu Taboleiro

Viernes, marzo 4th, 2011

Como moitos de vós xa sabedes unha das peculiaridades de Cabozo é que os Taboleiros (muros) dos usuari@s son sempre públicos. Iso facilita coñecer os seus contidos e polo tanto a elección de que usuarios seguir en función dos nosos intereses. Recordade que só recibimos avisos automáticos das actualizacións dos usuarios que seguimos (Lox).

Por iso adoitamos dicir que Cabozo é unha rede social con posibilidades similares as de Facebook pero cunha filosofía de uso máis próxima a Twitter (non seguimos só colegas, tamén a quen xere contidos que nos resulten de interese)

lambereteira

Agora quixemos ir un paso máis alá e facilitar a visualización dos contidos dos Taboleiros (nunha versión limitada) tamén dende o exterior.

Polo tanto, calquera persoa, rexistrada ou non en Cabozo, poderá ver o noso Taboleiro sen necesidade de conectarse a Cabozo e dende el poderá acceder ao daqueles usuarios que nos sigan e ao dos que sigamos. Para iso deberá coñecer o noso nome de usuario (tal cal, distínguese entre maiúsculas e minúsculas) ou terlle facilitado previamente o enlace de acceso que será sempre do tipo:

- ht tp://cabozo.com/user/nomedeusuari@

ou

- ht tp://www.cabozo.com/user/nomedeusuari@

Aclarar que a versión do Taboleiro á que se pode acceder dende o exterior de Cabozo é unha versión limitada e polo tanto varias das súas opcións están desactivadas. Se picamos sobre elas redirixirannos á pantalla de inicio. Só poderemos gozar de todas as posibilidades da web se somos usuarios rexistrados.

Que podemos ver SEN estar rexistrado en Cabozo (ou sen conectarnos á web)?

- Ver o número de visitas que ten un Taboleiro
- Podemos ver a canle de Tv do usuario e a súa emisión se é en “aberto”
- Podemos ver as mensaxes e os vídeos, fotos e enlaces adxuntos a estes
- Compartir contidos en Twitter, Facebook ou Chuza
- Subscribirnos aos RSS dos Taboleiros d@s usuari@s
- Ver o perfil dos usuarios
- Ver os usuarios aos que seguen e polos que son seguidos
- Ver os grupos públicos de Cabozo aos que pertence
- Poderemos ver as mensaxes de Twitter dos usuarios se teñen a conta activa en Cabozo

legnalof

Entre as opcións deshabilitadas están as seguintes:

- Non podemos facer comentarios nin deixar ningunha mensaxe nova
- Non podemos facer uso das iconas para ver dunha ollada todos os vídeos ou fotos adxuntos ás mensaxes dese Taboleiro
- Non podemos ver os álbums de fotos dos usuari@s (nin aínda que sexan públicos)
- Por suposto non poderemos acceder nin as Cabozadas (“microbloggin” e punto de encontro de todos os usuarios cabozeiros), nin á sección Novas, nin a Lox, nin acceder aos grupos, nin facer uso dos chats, nin das videoconferencias, nin acceder a xogos…

videoconf

Con isto preténdese dotar a Cabozo de novas posibilidades de uso, dar a coñecer un pouco máis as posibilidades reais da web, lograr unha maior difusión e facilitar aos usuari@s compartir os seus contidos.

axustes

Por último aclarar que esta opción está activada por defecto. Se algún usuario non quere que se poida acceder ao seu Taboleiro dende fóra de Cabozo poderá desactivar a opción nos seus “Axustes” de usuario.