Entrevistamos a Rita e Israel, os usuari@s cabozeiros do momento

(…)

Rita (fernandezlandin en Cabozo) e Israel (BarreiroBalea) toman o relevo de Breogahn e Lambereteira como usuarios destacados do momento. Vexamos que nos contan da súa experiencia en Cabozo! :P

ENTREVISTA A FERNANDEZLANDIN:

Rita, Fernandezlandin en Cabozo

Ola Fernandezlandin! Que tal? :) Unha estrela no vento é un dos teus libros favoritos, de Pontevedra, amante da tortilla de patacas… como chegas ata Cabozo?

Coñecín Cabozo a través de Twitter, de casualidade. Animoume o feito de que fose en galego e creada por galegos. Considero que é importante para todos os galegos promocionar as cousas da nosa terra, o noso idioma, e neste caso, unha rede social, por iso non dubidei en facer unha petición para rexistrarme

Cal foi a túa primeira impresión desta rede social?

A miña primeira impresión foi que Cabozo me quedaba grande. Ó principio non sabía moi ben como ía a cousa e as miñas primeiras publicacións estaban todas relacionadas con festas galegas ás que fora ou con acontecementos importantes que había programados para Pontevedra. Como aínda non sabía moi ben por onde tirar, pois polo menos promocionar a miña cidade! :)

Por que o teu nome de usuaria?

O meu nome de usuaria non ten nada de particular, son os meus apelidos, nada do outro mundo… “Fernández” orixinario de Castela, e “Landín” que é orixinario de Portugal, pero a pesar destes apelidos, toda a miña familia é galega (polo menos ata onde eu coñezo :P )

Hai algo que che achegue esta rede social que non poidas atopar en redes como Facebook ou Twitter?

Cabozo é algo diferente a Facebook ou Twitter, ten un selo propio. Gústame por exemplo porque me entero de moitas cousas que andan a ocorrer por Galicia antes que por outros medios, e para min iso é importante. De feito, a primeira noticia que tiven do incendio das Fragas do Eume foi por medio de Cabozo, por unha foto doutro usuario. Pero sen dubidalo un segundo, unhas das cousas únicas que ten Cabozo son as cabozadas. A pesar de levar xa máis de 6 meses rexistrada, é unha cousa que me segue a dar un pouco de vergoña… pero considero que é xenial

Que opción de Cabozo é a que máis che gusta?

De Cabozo gústame todo, pero se tivese que escoller algo penso que sería o feito de que todos poden compartir todo con todos… fotos, comentarios, lugares… coma se dun grupo de amigos de toda a vida se tratase

Botas algo de menos no Cabozo actual?

Pois a verdade é que hai tempo que me ronda algo pola cabeza. Gústame unha idea que levan a cabo no FB os rapaces Gaitafilmes (que son un grupo de mozos de Meira que fan curtametraxes). A idea sería crear unha zona na que todos poidamos subir fotos coa nosa camiseta de Cabozo, presumindo! Os rapaces de Gaitafilmes chámano “Gaitafilmes polo mundo” e as fotos son practicamente todas en lugares de fora de Galicia. Penso que en Cabozo se podería facer algo similar, aínda que ó meu parecer as fotos deberían ser de calquera lugar dentro ou fora de Galicia, pero mellor dentro. Temos suficientes lugares fermosos aquí como para ter que ir fora a buscar cousas bonitas que mostrar nunha foto. A min paréceme divertido. E se ademais usamos a xeolocalizador (que agora creo que xa sei usar) mellor que mellor!

Por que recomendarías Cabozo a un colega?

Recomendaríalle Caboza a calquera. É unha comunidade de amigos aínda que realmente non coñezas a ninguén. Unha das cousas máis importantes que aprendín dende que me rexistrei en Cabozo é que teño unha morea de dúbidas sobre a lingua pola falta de uso. Isto é porque na miña casa sempre me falaron en castelán. Penso que nestes meses aprendín moito neste aspecto grazas a Cabozo (e ó tradutor da Xunta :P ). Para min isto xa é un motivo máis que suficiente para recomendar Cabozo. Non pode ser que a lingua, algo que é tan noso, quede no esquecemento dos propios galegos. E a parte de promocionar a lingua, sempre está a experiencia de coñecer xente nova dun xeito diferente. Considero que a proximidade que se pode chegar a sentir co resto de usuarios é unha experiencia que paga a pena coñecer

Entenderías que Cabozo tivese que abrirse a novas linguas e mercados para poder subsistir?

Entendería que Cabozo tivese que abrirse a novas linguas, pero penso que se o fai o galego debería seguir sendo un dos pilares fundamentais.

Algúns creadores web galegos pensamos que en Galicia apenas se fomentan as creacións orixinais propias porque parece que hai a sensación xeneralizada de que aquí non se pode aspirar a máis que a traducir o que nos chega de fóra… Con esa filosofía non estamos a perder a oportunidade de consolidar proxectos propios que algún día poidan chegar a ser referentes e que sexan outros os que se mobilicen para traducilos ás súas linguas?

Estou totalmente de acordo con que hai poucas creacións orixinais propias en galego. Moitos consideran o galego coma unha lingua inferior, e é precisamente ese o erro que se está a cometer na sociedade galega e penso que si se pode perder a oportunidade de consolidar grande proxectos propios. Se pode pasar có catalán… porqué non có galego? Penso que esta sociedade non se da conta da importancia e da forza que pode chegar a ter a nosa lingua

Gustaríache comentarnos algo máis?

Gustaríame darvos as grazas por permitirme formar parte desta comunidade. Síntome galega e gústame promocionar as cousas da miña terra, foi por iso que pedín algún que outro favor para poder comprar a camiseta de Cabozo. Unha vez preguntáronme que se me pagaban por facer “propaganda” da páxina por levala posta. Non entenderon que para min non só se trata dunha camiseta, senón que se trata de promocionar o que considero que paga a pena, e calquera cousa que teña que ver con Galicia merece o meu apoio. Cabozo foi na miña vida como un antes e un despois. Sabía que falaba pouco en galego (e de feito cando o fago a xente sorpréndese) pero agora téñoo máis presente. Se non lles damos uso nós non llo vai a dar ninguén… o pouco tempo de rexistrarme en Cabozo comezei a usar FB en galego… antes nunca me decataba das poucas cousas que están adaptadas ó galego.

Espero e desexo que Cabozo continúe e que se una máis xente. Paga a pena. Eu teño claro que seguirei promocionándoo (gratis e a moita honra!). Seguirei compartindo algunas das novas do FB de Cabozo, seguirei facendo RTs, e sobre todo seguirei coa miña camiseta, que podo asegurar nunca falta na miña maleta.

ENTREVISTA A BARREIROBALEA:

Taboleiro de Israel, BarreiroBalea en Cabozo

Ola BarreiroBalea! Que tal? :) Como chega un avogado lucense até Cabozo?

Por casualidade; o certo é que non me lembro da primeira vez que, fedellando na rede, atopei unha rede social galega e en galego (Cabozo). O que si podo dicir é que foi moito antes de rexistrarme. Non son avogado, estudei Dereito varios anos pero non rematei a carreira; supoño que son indutor involuntario dese erro

Cal foi a túa primeira impresión desta rede social?

Eu daquela non estaba rexistrado en ningunha rede social e polo tanto non tiña xeito de comparar pero lembro que pareceume amable, sinxela; non sabería como dicilo… Teño que confesar que non estou moi posto nisto. Benditos vídeos explicativos

Por que o teu nome de usuario?

Son os nomes dos meus avós; máis ben así era coma os chamaban na vila

Hai algo que che achegue esta rede social que non poidas atopar en redes como Facebook ou Twitter?

O galego. Certo é que nesta rede pode falar calquera en calquera lingua pero isto é de feito o “algo” que non atopo nas outras redes sociais. Outra cousa é que conxuga para min o mellor do Facebook e do Twitter; o tabo e as cabozadas. As cabozadas son sen dubida a miña “debilidá”

Que opción de Cabozo é a que máis che gusta?

AS CABOZADAS, non entendo Cabozo sen elas… aproveito para facer un chamamento a todos os cabozeiros para que aproveiten o seu potencial que é moito

Botas algo de menos no Cabozo actual?

Por suposto! En primeiro lugar que o famoso apoio moral das institucións se traduza en apoio real. Tamén gustaríame que os medios galegos estiveran aquí como fai Galicia Confidencial… partidos políticos con presenza “continua”, e mesmo que os cabozeiros rexistrados teñan unha participación maior, non chega con rexistrarse

Por que recomendarías Cabozo a un colega?

Cabozo é un espazo aberto a xente con intereses diversos ou mesmo opostos que poden crear interrelacións e que nunca se atoparían nunha rede limitada a seguimentos, círculos ou amizades. Espazo plural e tolerante

Entenderías que Cabozo tivese que abrirse a novas linguas e mercados para poder subsistir?

Si. A sustentabilidade do medio é crucial, non o pode esquecer ninguén, e moito máis neste caso (un día falei dos talibás creadores de Cabozo) :D aínda que temos que lembrar o por que e para que xurdiu Cabozo. Asemellarse a outras redes non garante necesariamente a súa viabilidade . Cabozo naceu coma rede galega en galego e no meu caso foi o feito esencial para unirme a ela.

Algúns creadores web galegos pensamos que en Galicia apenas se fomentan as creacións orixinais propias porque parece que hai a sensación xeneralizada de que aquí non se pode aspirar a máis que a traducir o que nos chega de fóra… Con esa filosofía non estamos a perder a oportunidade de consolidar proxectos propios que algún día poidan chegar a ser referentes e que sexan outros os que se mobilicen para traducilos ás súas linguas?

É unha pregunta moi complicada… David contra Goliat… é unha batalla perdida. É primordial encher ese baleiro, ¿exportar un proxecto propio ou facer un produto interesante para os galegos que podería triunfar, ou non, fora da nosa terra? ¿Cabozo é o fin ou é un medio para…?

Gustaríache comentarnos algo máis?

Nada máis, un saúdo para todos os Cabozeir@s e animar a toda a xente que non dubide en apoiar este proxecto porque merece a pena. Abur