O prezo xusto

(Lectores no gallegos pinchad aquí)

O prezo xusto

A miúdo escóitase falar de novos proxectos online que se poñen a andar e tamén, ás veces, do diñeiro que hai detrás deles, ás veces centos de miles de euros os cales tamén ás veces saen do noso peto (leáse impostos). Falamos de proxectos pequenos ou medianos que non precisan dun centro de datos como os de Google, Facebook and Co., nin dun cento de enxeñeiros. Falamos de proxectos que en moitas ocasións están feitos sobre plataformas xa existentes o que supón que a metade do traballo xa está feito. Falamos de proxectos nos que ás veces detrás deles xa hai programadores. Falamos de proxectos que ao final non teñen moito máis tráfico que Cabozo ou que simplemente teñen menos.

Para o profano na materia que unha web ‘custe’ centos de miles de euros pódelle resultar do máis normal porque o que lle soa deste mundillo normalmente son as grandes webs como Google, Facebook e compañía, e a miúdo Internet enténdese como sinónimo unicamente destes xigantes que navegan nun mar de millóns de euros.

Para o que sabe un pouquiño deste tema, e máis aínda para o que xa ten un proxecto web funcionando dende hai tempo, que unha web do tipo que comentamos no primeiro parágrafo custe ou precise de centos de miles de euros é unha tomadura de pelo.

Xa non é o primeiro que se asombra de que nós mesmos asumamos todos os custos de Cabozo… Como se pode manter Cabozo se non teñen nin publicidade, nin sponsors, nin ningún outro tipo de ingresos? Sonche millonarios? A última pregunta xa cha escoitamos algunha vez, e vindo ás veces estas preguntas de xente que se supón que saben do tema éche un pouco desconcertante a cousa.

En Cabozo somos dous. A programación lévoa eu e a parte de difusión, social media… entre outras cousas, lévacha o meu compañeiro. Os custos asumímolos as dúas personas que estamos detrás. Estamos tolos? Bo, un pouco si, pero non tanto como parece ;)

Os únicos custos que ten Cabozo son os de aloxamento e nome de dominio. Cabozo furrula cun servidor cuns recursos de hardware menores a moitos dos teléfonos móbiles que levades no peto. Funciona, e polo momento moi ben.

No caso de que se precisasen máis recursos iso tamén significaría que a web ten moito máis tráfico/visitas (caralludo :) ) e poderíase estudar a forma de conseguir algún cartiño para axudar a sufragar estes custos.

A pela é a pela :)

Cabozo esta aloxado en hostgator.com, unha compañia americana. E por que non unha galega? Pois ben, como o pagamos do noso peto, e a pela é a pela, haiche que mirar da empresa que ofreza a mellor relación calidade/prestacións/prezo e Hostgator ofrece unha relación moi boa. Se algunha empresa galega pódenos ofrecer o mesmo polo mesmo prezo ou melloralo, cambiariamos con moito gusto :D

Ao principio pagábase por Cabozo uns 5 dólares ao mes :) Debido ao incremento do tráfico e dos requirimentos de procesamento, cambiámonos a outro plan que custa ao mes ao redor de 40 dólares. Con este novo plan, dende que se contratou, non che houbo ningún tipo de problema de funcionamento/rendemento. Como se pode ver os custos non che son moi elevados.

Todo este ‘rollo’ vén por dous motivos. Primeiro, moitas veces unha web non necesita ou non debera necesitar para o seu desenvolvemento tantos cartos como din precisar, sobre todo cando eses cartos van saír do noso peto (léase subvencións).  Montar unha pequena tenda online ou modificar un pouco Drupal non pode custar centos de miles de euros. E segundo, calquera cuns coñecementos medios de programación web pode montar o seu proxecto online cuns custos moi baixos, pois se está aforrando os custos de programación/desenvolvemento e unicamente tense que preocupar do hosting.

Anímovos a todos os que teñades unha idea de proxecto online a botarvos adiante e levala a cabo. Se te encargas ti mesmo da programación, como podes ver, os custos serán realmente baixos. Ademais, sempre acabarás aprendendo moitas cousas novas, colleras experiencia, pasaralo ben e ás veces, coñecerás xente caralluda. E non pasa nada se ese proxecto non vai como esperabas, sempre se pode volver tentar con outra idea xenial na que aplicarás todo o aprendido coa anterior.

Saúdos!!

Deckarz

Tags: , , , , , , , , , ,

2 Responses to “O prezo xusto”

  1. Gamela Says:

    Graciñas por abrirnos os ollos á REALIDADE. Semella que algúns andan a botar foguetes sen xustificar os “gastos” e diso, lamentablemente, xa temos experiencia bastante na política galega, dende Feijoo coas subvencións á prensa galega preparando a vindeira campaña electoral… ata as últimas novas da Operación Campeón publicadas por Galicia Confidencial (proxecto de periodismo comprometido con Galicia e coa rede social galega por excelencia, Cabozo) http://galiciaconfidencial.com/nova/9942.html

    Algún día moitos abrirán os ollos á Realidade!
    Adiante, e graciñas por EXISTIR!

  2. deckarz Says:

    Intercambiando un par de tweets con @agos14, podeche haber xente que ten unha boa idea pero non ten os coñecementos tecnicos necesarios para desenvolvela e tampouco se pode permitir pagar a unha empresa por elo. Ou ao reves, hai programadores que lles apeteceria participar nun proxecto interesante.
    Ao millor non che era mala idea crear unha especie de GalegoLab onde presentar distintos proxectos e que a xente con distintas habilidades(programador,maquetador,marketing,etc) se fora apuntando ao que mais lle interesara ou mais viabilidade lle vera e asi crear equipos de traballo cos que levalos a cabo. Seria unicamente un punto de encontro de profesionais onde se apuntarian a proxectos, non seria ningun tipo de plataforma de xestion de proxectos en si. Non sei xa se existe algunha plataforma para estes menesteres ??
    Seguro que hai moita xente que ten ideas ou lle apeteceria participar nun proxecto pero non ten a posibilidade de contactar coa xente correcta/necesaria para levalo a cabo.
    Seguramente poderian sair de aco ideas caralludas con moito potencial. Xente preparada e con gañas temola de sobra.
    Saudos!

Leave a Reply