Denantes

Denantes:
OS DOUS PRIMEIROS CAPÍTULOS DE VILA DE DENANTES NUN SÓ EBOOK
Denantes, vila mariñeira situada alén de xalundes, acolá de ningures, é o fogar de persoas —babecas na súa maioría— provistas de cara e cu, por ela vagan animais salvaxes, domésticos e Faxildo, ten praias, montes e veigas, igrexas, barberías e tabernas. Os seus habitantes beben para calmar a sede, desfacerse da calor, do frío, e para aturar o entretempo. Pero se hai algo que caracterice a un denantés, é a súa paixón polo prato máis representativo da gastronomía local, a empanada de risado, que así se chama este libro que tes nas mans, na pantalla ou na pantalla sobre as mans. Recolle os dous primeiros episodios desta serie literaria que se está a publicar en Denantes.com.
O primeiro dos capítulos, As desventuras dun monifate ceibe de fíos, conta as peripecias dun actor abandonado á súa sorte polo seu grupo teatral ás portas de Denantes; e no segundo, Unha maleta ao alén, prepárase un particular funeral para un veciño que morreu en estúpidas circunstancias.
Ligazón 2012-04-26
Denantes:
CONCURSO: Consegue un capítulo de Vila de Denantes en papel
Acostumamos ter unha visión alentadora da existencia, o certo é que iso que recoñece como realidade non é máis ca unha ilusión, non hai nada previsible na configuración do espazo e do tempo, na confección do universo. Denantes, unha vila mariñeira situada acolá de ningures, é asemade unha serie literaria para Internet que se vén a publicar dende o verán de 2011. Pode unha serie literaria concibida para Internet ter publicado un capítulo en papel en 2009?, pode ser ademais que ese capítulo nin tan sequera vaia pertencer á primeira tempada, senón a posteriores?, será vostede no caso de resultar o gañador deste concurso, coñecedor de personaxes e segredos que os demais tardarán en descubrir? A chave para achar resposta a estas cuestións e calquera babecada similar, atópase detrás destoutra: que filme se homenaxea en certo momento de Unha maleta ao alén, segundo capítulo de Vila de Denantes?
O gañador do concurso será o primeiro en responder correctamente, pode contestar a seguir neste taboleiro ou facelo dende Denantes.com na sección Contacto, teña en conta que deberemos poder comunicarnos con vostede para enviarlle o libro ao seu domicilio. O prazo para responder remata o 25 de marzo, se entón aínda non hai gañador, o premio reservarase para vindeiros concursos.
Lord William Michaelson 2012-03-07
Denantes: Retallos do 2º capítulo:
«Xureime a min mesma que non morrería sen montar nun, sen vivir a miña propia aventura, non ía ser como o resto de mosas, sen máis aspirasiois que criar ós nenos e compraser ó marido.»
«O que repousa agora na miña palma é cabeza, cortada violentamente polo pescozo, zumegando un espeso e negro sangue que me escorrega polos dedos. Os ollos, que sobresaen da caveira, e a mandíbula, desencaixada, deformada; amosan un ceno de infinita agonía.»
«—Dan as badaladas por un defunto, Xusto, sabes por quen?
—Por alghún fillo de puta afortunado.»
«Eu sempre tiven a ilusión de morrer co pai de tódolos peidos.»
«A súa tristura estáse a asomar ao limiar da cordura; apenas é quen de unir dúas palabras seguidas.»
«Anda e non me toleen, se os seus homes morreron pra non as aturar, non vou ser eu quen o fagha sen ter un porqué, que lles coma a crica un croque!»
« Para a familia será un retrato aceptablemente fiel, para min unha coitelada na ánima, unha traizón. Que feliz podería ter sido eu pintando a violencia da morte, os ósos crebados, a carne esgazada, o ceno da nada. Esa sería a auténtica oda á existencia, non esta emética farsa.»
«Incluso nestas situacións, con outra persoa abríndome o seu corazón, non son capaz de deixar de imaxinarme a reacción que tería o meu interlocutor se digo ou fago cousas completamente inesperadas.»
«Vale, eu estarei morto, pero polo menos non son un parvo do carallo coma ti.»
«—O dos soños non é tan grave como os pensamentos impuros, sobre estes temos menos control...
—Temos? Así que vostede tamén...
—Era un plural asociativo —mi madriña, plural asociativo, na vida oíra iso pero xa estou medio empalmado só de pensar na porcallada que debe de ser, supoño que algo así como unha orxía pero mellor— e eu son aquí o representante de Deus, non veño compartir vivencias.»
«Non asistín a ningunha risada mais esta será a segunda vez que a escoite. Cando nena, ao morrer miña avoa materna que vivía connosco nesta casa, tamén a houbo, mais os rillotes quedan arredados dos defuntos, o que non puido evitar que o sorriso de miña nai nun dos seus días máis tristeiros se me quedase gravado por sempre.»
«Biqueina na meixela esquerda ao tempo que unha delicada e arxenta bágoa nacente tremelucía no seu lacrimal.»
«O cadáver repousa engalanado nun cadaleito escuro derriba da mesa, mentres en volta estáse a producir unha das máis vedrañas mostras culturais. Contemplar o abellón é internarse na noite dos homes, en civilizacións xa extintas, un rito funerario persistente ao transcorrer dos séculos, inmune a invasións, ao florecer e murchar de ducias de pobos, un vestixio da xénese comunal.»
«—Xusto, a ti como che ghustaría que fose o teu funeral?
—Axiña.»
Denantes.com 2012-02-16
Denantes: Home nunha botella
Lupo levaba a traballar toda unha vida no vidro, procedía dunha familia que se viña adicando a el durante xeracións, dominaba os procesos artesanais amais de coñecer os novos materiais. Non tivera fillos, os poucos membros que conformaran a súa familia xa morreran e o seu gran amor abandonárao moitos anos atrás. A súa existencia volvérase rutineira, todos os días as mesmas caras, idénticos saúdos, sen afondar con ninguén, sen ter máis vida ca o vidro, botando a mirada cara atrás era inevitable unha sensación de perda, non se sentía realizado, atopábase preso nunha gaiola de cristal.
Os anos repousábanlle nunha alba cabeleira e unhas pronunciadas olleiras, mais aínda conservaba un vigor máis propio da mocidade, abondo para continuar cunha atolada e secreta empresa. Despois de moitos meses ateigados de interminables noites furtivas no taller, a súa gran creación estaba lista para guialo á aventura.
Os relatos de mensaxes embotelladas dende logo que non lle resultaban descoñecidos, aínda que sempre os vira como unha sorte de romántica ficción. Ata que haberá uns tres anos, paseando polo peirao nunha desapracible véspera de tormenta, un familiar son interrompeu as súas morriñentas cavilacións, contra as rochas, empurrada continuamente polas aguzadas ondas, batía con forza unha botella transparente en cuxo interior se adiviñaba un anaquiño de papel. De non ter estado el a deambular por alí naquela tarde na que a maioría da xente esperaba á treboada ao abeiro do fogar, a epístola aleatoria nunca tería chegado a destinatario, pois aquel sobre acristalado non tería resistido moitos máis impactos. A misiva resultou completamente inintelixible para el, non foi quen de sequera discernir en que lingua estaba escrita, mais as vindeiras semanas pasou as noites fantasiando co exótico lugar do que tería partido, por que situacións pasara aquel fráxil receptáculo abandonado á furia do infindo océano, quen a enviara e con que propósito. Aínda a expensas de descoñecer por sempre que mensaxe contiña, decidiu non compartir aquilo con ninguén, sentía que iso tería sido como traizoar ao remitente que lle confiara ese segredo só a el.
Entrada a madrugada, mentres a vila durmía, espertou ao burro e dispuxo a colosal botella no carro. Repasou por derradeira vez a relación de todo o que precisaba para subsistir e partiu, afouto e entusiasmado, cara a praia. No interior tiña uns depósitos de auga, alimento para os primeiros días, unhas cantas macetas con vexetais comestibles, unha pequena libraría formada por catro exemplares, unha cunquiña con miñocas, unha cana, un ganapán, uns remos, unha longa escada de corda, algúns útiles de cociña, varias lentes e outros dispositivos de cristal, un ouriñal, un par de mudas, mantas, panos, dous lapis e unha morea de diminutas botellas con cadanseu papeliño no interior; todo ben asegurado nos compartimentos tallados no propio vidro para que permanecesen no seu sitio por máis bravo que se puxese o mar. Era consciente de que a súa aventura tiña unha forte compoñente suicida, mais cómpre enfrontar á vida aínda a risco de que fuxa antes do previsto, no canto de sentarse e contemplar como se consume devagar. Por ese motivo, en previsión de que algo lle sucedese, quería levar un diario das súas vivencias, cada día liberaría nunha corrente próxima unha desas botelliñas; polo seu reducido tamaño, a nota do interior apenas era suficiente para albergar un par de ducias de palabras.
Ao chegar á praia, tombou o seu novo fogar errante e achegouno á beira a rolos, desenroscou o tapón metálico —que seguiu suxeito á botella por unha corda atada ao burato que tiña este no centro—, sacou polo bico o extremo da escada e antes de empuxar o seu invento ao mar, achegouse a unha chalana amarrada que descansaba na area, deixando a primeira das botelliñas dentro dunha nasa que había no interior. Seguiu turrando da súa embarcación contra as ondas ata que esta se ergueu polos seus propios medios, entón ascendeu pola escada e regresou ao exterior cos remos, baixou de novo ata os primeiros chanzos somerxidos, sentouse nun deles, meteu as pernas por detrás do seguinte e o corpo do anterior para manterse suxeito a ela tendo os brazos libres, e comezou a remar perdéndose na negrura da noite.
Ligazón 2012-01-24
Denantes:
Previously on Vila de Denantes...
Abisinio: Un momento, non quedaramos en que os capítulos eran independentes?
Binucho: Si, é que o son.
Abisinio: Logho, que sentido ten disir o que pasou no anterior?
Binucho: Home, visto así, mais todas as series o fan.
Níscaro: Queredes botar dun carallo dunha ves!
Senén: Entón, como todas as series teñen unha historia de amor, nós tamén imos poñer unha?
Abisinio: Estás a te me insinuar, pillabán? Arrastro!
Senén: Máis quixeses, podo aspirar a algho mellor ca un vello coxo e impotente. Hai media hora que tiñas que ter xoghado ese tres.
Abisinio: Como funsiona iso das etiquetas?, se pico na do meu nome podo ler os relatos nos que apareso?
Binucho: Exato, e se picas na de seareiros, sáenche nos que aparesemos os catro.
Níscaro: Tamén saímos neste seghundo a pintar o parvo en ves de xoghar? Binucho, pensa antes de botar, anda.
Senén: Pse, pero pouquiña cousa.
Olga: Señores, empanada acabada de saír do forno.
Abisinio: Deus cho paghe, Olgha, ti sabes de que vai o capítulo?
Olga: Seica morreu alghén dunha maneira moi estúpida e haberá que lle dar sepultura.
Don Brais: E tanto, como Deus manda.
Senén: Digha que si, padre, morte dun, abono doutro, así ten esa barrighola, nesta vila a xente non fai máis ca morrer.
Ligazón 2012-01-11
Denantes: XUSTO E ABILIO
—Oes, Xusto, ti que prefires? Sachar nas patacas ou nos croques?
—E ti, Abilio, que che dean unha patada nos collois ou no narís?
—Xusto, ti nunca pensaches en ser actor?
—Ator? Finxir cada noite, poñerme roupa estraña, amosar unha cara pró exterior e outra na intimidade? Pra iso teríame feito muller.
—Xusto, que esperas do futuro?
—Que unha mañá saia o sol pero eu non esperte.
—Xusto, ti que soñas polas noites?
—Chegho o sufisientemente canso á cama, como para non andar a perder o sono soñando.
—Oes, Xusto, a ti como che ghustaría que fose o teu funeral?
—Pronto.
—Xusto, ti e-lo pai que nunca tiven.
—E ti o fillo que endexamais quixen ter.
—Xusto, cal sería pra ti o sistema político ideal?
—Unha ditadura comigho de xefe de estado
—Xusto, a ti ghustaríache ter des mulleres, como os musulmáns?
—Son demasiadas!
—Como os cristiáns, logho?
—Tamén.
—E se andas errado e o teu ateísmo estáte a condusir a unha eternidade de xofre, lume e sufrimento?
—Dio-lo fagha millor.
— Oes Xusto, a ti ghustaríache ser inmortal?
— Si, home, o que me faltaba! Como se non me doesen xa abondo os cadrís...
—Xusto, ti por que non casaches?
—A vida xa é dura abondo en soidade.
—Abilio, pode haber beldade comparábel á orxía de cores que percorre o seo cando o sol vai bota-la sesta?
—Eeeeh... pero que acabas de disir?!
—Que saches, hostia! Que se está a faser noite.
2011-09-16
Denantes: «Nesa gran pena hai unha inscrición: "Está a piques de se internar en Denantes, trabucouse na encrucillada"»
«Dende as pólas, brazos e dedos deses entes arbóreos, os paxaros parecen estar a chamar por min, tentando me seducir para que quede compartindo con eles esta clorofílica gaiola»
«Alto, novo, ben parecido, cun ar doutro tempo, de galán barroco, leva unha gorgueira, chaqueta corta de seda por riba dunha camisola frouxa de mangas acoiteladas e unha sorte de saia masculina cunhas polainas»
«—Teñen por aquí un banco para trocar algo de cartos para lle pagar?
—Nesta vila ós ladrois mandámolos ó caldeiro, non lles poñemos locais pra que rouben comodamente.»
«Non teña medo comigho, sei que vén de lonxe, pero de lonxe de verdade, non catro pobos máis aló, senón varios séculos alén»
«Unha informe silueta proxéctase na parede, da sombra emerxen as súas enormes garras estalicándose na miña dirección»
«Un lugar onde na porta reza: “Gloria eterna aos que nos deixaron a vida, a terra, a fala e a empanada”, non pode ser tan malo[...] nesta sepulcral serenidade, unha pode escoitar todo aquilo que normalmente se presenta latente aos nosos sentidos, son quen de percibir o renxer da luída madeira aí embaixo, perante o paso do tempo, e o continuo, inexorable, mastigar dos vermes na carne en descomposición»
«—Ator? Finxir cada noite, poñerme roupa estraña, amosar unha cara pró exterior e outra na intimidade? pra iso teríame feito muller.»
Hadrián "Cronista do cotián", acheghoulles alghúns momentos do primeiro episodio de Vila de Denantes: "As desventuras dun monifate ceibe de fíos" Ligazón 2011-08-19